Arrinca o décimo Carballo Interplay

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

INTERPLAY

Tralo acto de apertura, entregaranse os premios de Dinoescolas e comezará o talkshow «Dando a turra», de Belén Puime e Uxía Vázquez

29 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez anos poñendo o foco na creación e o talento galegos. Con esta bagaxe arrincará hoxe a décima edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay, no que se repartirán 5.800 euros en premios nunha sección oficial na que competirán 16 proxectos, seleccionados entre as máis de 200 candidaturas recibidas. Tamén se recoñecerá o mellor proxecto de webserie en galego, gravaranse pódcast en directo e haberá talleres e unha zona profesional na que se analizará de que xeito mudou o modo de comunicar en internet nos últimos 10 anos.

Ás 11 da mañá de hoxe arrincará oficialmente a programación co acto de apertura, no que se entregarán os premios de Dinoescolas, un certame impulsado este ano por primeira vez que ten como obxectivo incentivar «a creación de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega para a súa difusión por internet mediante a creación de capítulos da serie Dinosaurio».

Seguidamente, ás 12.00, dará comezo Dando a turra, un talkshow creado por Belén Puime e Uxía Vázquez no que haberá convidadas sorpresa, avanzan dende a organización do festival. No programa, falan con personalidades da mocidade galega sobre cuestións como a entrada na época adulta, a vida laboral ou as características da xeración Z. Conversas informais, din as impulsoras, «que ben poderían darse nun bar ou no baño dunha discoteca barata».

A programación continuará mañá e o venres, o día máis completo en canto a actividades. O sábado, ás 21.00, celebrarase a gala de entrega de premios e despois, a medianoite, fin de festa con Burnin' Percebes (Juan González e Fernando Martínez) e o seu espectáculo El fantástico bingo. Consulta aquí toda a programación.