A Escola de Regueifa de Carballo estréase cun premio

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Para ela vén un dos galardóns da sexta edición do certame Enreguéifate: a regueifa mellor falada 

23 mar 2023 . Actualizado a las 17:06 h.

Hai tan só uns días que se daba conta da súa creación, e xa ten o seu primeiro premio. A Escola de Regueifa de Carballo vén de facerse co galardón á regueifa mellor falada na categoría xeral do certamen Enreguéifate, pola peza que titularon Fachenda da nosa terra. Enreguéifate, que xa vai pola sexta edición, é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo co afán de apoiar a difusión da regueifa e contribuír por medio dela á promoción do uso do galego.

Establecíanse dúa categorías, unha escolar e outra xeral, con seis premios en cada unha delas: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor falada e mellor cantada.

A entrega dos premios será na gala Enreguéifata-Regueifesta, prevista para o 14 de abril no auditorio de Galicia, en Santiago, un peche dos dous proxectos educativos que reunirá a un milleiro de persoas, con alumnado improvisador galego, de Euskadi e Cataluña. Exerceron de xurado Socorro García, técnica de normalización lingüística de Santiago; Carme Pereiro, normalizadora de Carballo; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e tamén regueifeiro. Tiveron que valorar 43 propostas.

O podio 

Categoría Xeral

  • • A máis brava: Os e as regueifeiros de Compostela - “Tempo de notas”
  • • A máis aguda: Iván e Aroa - “Regueifa da Adolescencia”
  • • A máis diversa: Intercontinental - “Café con leite”
  • • A máis reivindicativa: Arrieiro e Chaminho - “A regueifa pedra Angular- freestile”
  • • A mellor falada: Escola de regueifa de Carballo - “Fachenda da nosa terra”
  • • A mellor cantada: Chámame lexión - “Regueifa co espello”

Categoría Escolar

  • • A máis brava: Vivantistas de Dodro - “Interxerando”
  • • A máis aguda: Alumnado de segundo B do CEP Xosé Neira Vilas - “A Neira Horta”
  • • A máis diversa: Clase de primeiro B do CEIP Quiroga Palacios - “Superheroes do cotián”
  • • A máis reivindicativa: Regueifeirxs chairegxs - “Regueixornal”
  • • A mellor falada: Uxía e María do Camballón - “A nosa lingua”
  • • A mellor cantada: Sexto A CEIP Agro do Muíño - “Rosalía”