Última hora
Sánchez suspende su agenda para reflexionar si renuncia a la Presidencia tras la denuncia contra su esposa

«Rosalía, Rosalía, este xardín é o teu contento»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Carballo inaugurou no Día da Poesía este «espazo singular» no que sempre será posible «volver ás orixes». ¡Inclúe álbum de fotos! 

21 mar 2023 . Actualizado a las 19:41 h.

A madriña de Rosalía de Castro, Francisca, interpretada este martes en Carballo por Larraitz Urruzola, dixo da autora que de nena era dada a «algarear» por veigas e parques, a «centrar tanto os sentidos» que semellaba «non estar neste mundo». Pois precisamente a iso se presta o xardín dedicado a Rosalía inaugurado polo Concello carballés no parque do Anllóns, co suficiente tento para que se escoite o balbordo da auga de regatos pequenos, paxaros ou a «campaniña timbradora» de Adiós riós, adiós fontes, poema que inspira este percorrido no que a hortiña que quero tanto ten xa, efectivamente, cabazas, pementos, tomates ou patacas.

ANA GARCIA

Un xardín que non se puido inaugurar o Día de Rosalía, pero si «na mellor data substituta»: o Día da Poesía e o Día dos Bosques, concordaron dous alumnos do CEIP A Cristina diante dos presentes e da comunidade educativa do seu centro, piar da celebración. Eles foron os presentadores da cerimonia e de convidados como Larraitz, que co monicreque de Rosalía percorreu momentos e espazos vitais, formación, obras publicadas e compromiso da padronesa. Compromiso cos galegos, coas mulleres ou cos espazos naturais, véxanse os seus versos de Jamás lo olvidaré, contra a tala executada en Conxo.

ANA GARCIA

O xardín inaugurado foi unha cesión do Concello de Allariz ao de Carballo. Premiado no 2021 no Festival Internacional de Xardíns que se celebra anualmente nese concello ourensán, foi elixido tamén polas 40.000 persoas visitantes, ademais de polo xurado, o que permitiu indultalo un ano máis. Unha obra de arte, pese a iso e coma as demais, chamada a ser «efémera», pero que inicia agora outro tempo en Carballo, petición que tanto dende o Concello de Allariz como o equipo de paisaxistas de Arquiterras, responsable do proxecto, agradeceron.

ANA GARCIA

Contou isto Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, desprazada a Bergantiños para a ocasión, xunto co seu edil de Medio Ambiente, Bernardo Varela. Un recuncho, dixo, que agora os irmanda e que reservou un papel clave aos nenos. Implicar ás novas xeracións no deseño dos espazos comúns, afirmou, é clave, porque atinxe a todos, e é dende pequenos que se debe pensar como se quere vivir e actuar en sociedade.

ANA GARCIA

Dende Arquiterras (Jonathan Carreira, Ana Barxa e Sara del Río Seoane) falou esta última. «Este xardín foron moitas ideas. As orixes de todos os galegos, ese entorno rural, e tamén a morriña. A emigración, a marcha da terra na procura dun futuro mellor, pero esa ilusión por volver sempre ás orixes. Neste xardín sempre se pode volver a elas, á hortiña, á fonte, ás figueiriñas... Explícase percorréndoo». Quen lle diría a Sara, que se declarou filla de Carballo por ter familia materna da zona, que aquel parque no que xogaba de nena albergaría nun futuro un xardín saído do seu maxín: «E que quede moitos anos máis na vila», desexou.

Á dereita, Sara del Río Seoane. Á esquerda, Ana Barxa
Á dereita, Sara del Río Seoane. Á esquerda, Ana Barxa ANA GARCIA

Falou Evencio Ferrero, alcalde carballés, de solidariedade e de amizade entre os dous concellos, dun «espazo singular» aberto a veciños e visitantes: «O legado de Allariz é total. Dende Carballo só nos encargamos de traelo ata aquí e de adaptalo ao espazo para o cal se pensara». Un xardín que chamou a «protexer, coidar, velar e mimar». Esa foi a súa petición final antes de que alumnado de A Cristina recitase A xustiza pola man e versos propios: Rosalía, Rosalía, este xardín é o teu contento / Carballo non te esquecerá nin por un momento.

ANA GARCIA