Eva Cameán: «Senda Nova é unha escola para todos»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

GENTES DEL FINIS TERRAE | Libreira carballesa ao fronte de Clarión e nomeada no seu día embaixadora da lingua asturiana por Iniciativa pol Asturiano, é a nova presidenta da entidade ambiental 

22 mar 2023 . Actualizado a las 00:30 h.

No Día da Poesía e no Día da Árbore e dos Bosques, achegouse onte Eva Cameán (Carballo, 1994) a Radio Voz Bergantiños. Ela, nova presidenta da asociación ambiental Senda Nova e libreira ao fronte de Clarión, na rúa Valle Inclán, conversou de literatura e natureza. Forza imprescindible nun e noutro ámbito e mesmo para a lingua asturiana.

—Logo de anos de activismo, substitúe na presidencia de Senda Nova a José Manuel Menéndez.

—Xa formaba parte da directiva, pero na última asemblea houbo reestruturación. Entrou ademais xente nova que xa participaba moito na entidade. Era merecido que integrasen a directiva.

—Cando e como chegou vostede?

—Entrei en Senda Nova creo que no 2011, a través dunha actividade na que nos subían un punto en Educación Física no bacharelato, no Parga Pondal [ri]. Foi un pouco de rebote, cheguei e quedei.

—Por que hai que seguir facendo escola en medio ambiente? Que lle aporta a vostede mesma?

—Queda aínda moito que facer, camiño por percorrer. É imprescindible seguir traballando cos nenos e nenas, son o futuro. E estar en Senda Nova, a min particularmente, apórtame coñecementos, tamén doutra xente e entidades. É unha escola para todos.

—É técnica de integración social, mais libreira de vocación. Coller as rendas de Clarión foi un soño?

—Si, aínda que coma o de Senda Nova chegoume un pouco de rebote. Eu traballaba antes en Punto e Coma [anterior nome da libraría], e era a encargada, pero unha empregada. A andadura dese proxecto remataba en Carballo, e a min sempre me gustou o mundo da literatura e dos libros. Estou encantada de poder traballar nun sitio no que me gusta estar.

—Clarión é un material para escribir en pizarra, pero o nome tal veña do seu bloq, anterior.

—Efectivamente. Clarión, a parte de ser un xiz, é un claro no ceo. Hai uns anos que creara ese blog para falar de libros, pero en lingua asturiana. Entón era como un clarión, un claro, unha esperanza para o asturiano. Ao coller o proxecto da librería, tocaba renovar nome e decidín poñerlle ese co que xa me sentía tan identificada.

ANA GARCÍA

Un blog, incidimos, en asturiano, dende Carballo. De onde vén esa fascinación por Asturias, pola súa xente, cultura e lingua?

—Empecei a viaxar a Asturias dende Senda Nova. Temos actividades que son alá e comezou esa fascinación. Fascineime coas folgas mineiras do 2012, coa música asturiana... A miña parella é asturiana, e por aí vén todo. Decateime dunha riqueza cultural e lingüística enorme... E está en perigo.

Iniciativa pol Asturiano nomeouna embaixadora desa lingua, pola súa visibilización, e reivindicación da oficialidade. En Clarión hai unha sección de libros en asturiano, precisamente.

—Foi algo moi emocionante. Creo que foi no 2021 cando fixemos na libraría un encontro de escritores galegos, con Emma Pedreira, e asturianos, con Inaciu Galán, presidente de Iniciativa pol Asturiano. Eu estaba confinada, non estar ese día resultoume moi triste, pero resulta que me tiñan a sorpresa para o acto. Non me dixeron nada e chegáronme á casa co diploma. Un momento Chenoa, imaxina.

Segue colaborando con revistas ou coa plataforma PlayPresta?

—Si. Con PlayPresta fixen un par de tempadas dun programa, Restolando Llibros. Xusto agora se retomaba unha terceira, pero aínda sen data.

—E imos co galego, onde tamén é activista. En Clarión hai forte presenza de literatura en galego. Melloramos ou empeoramos?

—Pregunta difícil. Non sei se vivo nunha burbulla, pero na libraría, que traballamos moito o libro infantil, a maior parte dos que vendemos para un rango de idade dende os 0 meses ata os 7-8 anos, é case 100 % galego. Iso é un orgullo, esperanzador, pero si é certo que canto máis avanzamos en idade e nos achegamos aos adultos, custa máis vender libro en galego. A porcentaxe é menor. E en galego temos variedade, cousas ben feitas, editoriais potentes.

—Como ven en Asturias a situación do galego?

—Sempre vemos aos do lado algo mellor, pero si é certo que véndoo con perspectiva, estamos nunha situación mellor. En Asturias non hai nin sequera oficialidade do asturiano, iso vólveo todo máis difícil, hai que turrar polo obvio.

—Pasa algún día sen ler?

—Sen ler paso poucos días, aínda que hai épocas máis ou menos intensas. A literatura evade, pero ler precisa concentración, e cando ler forma tamén parte do traballo [ri], a veces non hai ganas.

—Como carballesa, é Carballo un bo lugar para vivir a cultura?

—En Carballo temos moita oferta cultural e sobre todo un tecido asociativo moi grande e moi variado, que ao final deriva en que haxa moitas actividades. Creo que Carballo é un bo lugar para vivir en xeral. E un bo lugar para vivir a cultura? Creo que tamén.