Salvamanteis con pasatempos para exercitar o galego na hostalaría carballesa

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

O Concello presentou este luns unha nova campaña do Servizo de Normalización Lingüística 

22 mar 2023 . Actualizado a las 00:07 h.

O tempo de espera por unha tapa, unha ración ou un xantar é a miúdo aproveitado para tirar de móbil sen moito de proveito. Mais coa colaboración da Asociación da Hostalaría de Carballo, o Servizo de Normalización Lingüística municipal (SNL) procurará que se empregue de maneira máis produtiva, avanzando así no seu extenso almanaque de propostas dende o mes de xullo, agora dirixidas a este sector. Así, o SNL fará con vistas a Semana Santa un reparto masivo de salvamanteis con pasatempos da revista A píllara, editada polo Concello coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Ese tempo de espera poderá entreterse agora exercitando a lingua mediante unha sopa de letras ou un encrucillado.

Xa se anotaron unha ducia de establecementos: algúns dos seus representantes, así como directivos, asistiron este luns á presentación da iniciativa, xunto co alcalde, Evencio Ferrero; os edís Xosé Regueira e Maruxa Suárez e a técnica do SNL, Carme Pereiro. Os locais interesados en participar, pertenzan ou non á Asociación da Hostalaría, aínda están a tempo de tomar parte na proposta. Para iso teñen que contactar con Normalización Lingüística a través do correo snl@carballo.gal, dos teléfonos 881 983 865 e 626 125 495 ou de forma presencial, no consistorio. Todas as peticións serán aceptadas e os salvamanteis iranse repoñendo ata fin de existencias.

A tirada inicial foi de 20.000 unidades, se ben non se descarta que haxa máis e con contido variado en cada unha. Nesta primeira remesa feita, ademais dos pasatempos, hai imaxes da píllara das dunas, un poema de Eduardo Pondal no que menciona esta ave protexida e ata un código QR a través do cal o comensal poderá escoitar o seu canto.