Carballo inaugurará o Xardín de Rosalía no Día da Poesía

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Será o martes 21 de marzo, ás 12.30 horas. É, tamén, unha homenaxe aos emigrantes

14 mar 2023 . Actualizado a las 17:21 h.

Non puido ser polo 23 de febreiro, Día de Rosalía, pero será noutro tamén ben simbólico: 21 de marzo, arranque da primavera, Día da Poesía e tamén Día da Árbore. Será o vindeiro martes, ás 12.30 horas, cando o Concello de Carballo dea por inaugurado o xardín dedicado a Rosalía de Castro, situado no parque do Anllóns, moi preto da praza Xela Arias. Cedido polo Concello de Allariz, na posta de longo, ademais de autoridades locais, tomarán parte representantes dese municipio (a súa alcaldesa, Cristina Cid, e o edil de Medio Ambiente, Bernardo Varela), así como de Arquiterras, equipo galego responsable do seu deseño. Non obstante, os protagonistas da xornada van ser pequenos, alumnos e alumnas do colexio A Cristina, emprazado moi preto do xardín, en tanto que se sumarán á celebración cun recital poético. Estará presente, ademais, a actriz Larraitz Urruzola, que chegará a carballo acompañada da súa boneca Rosalía, para falar desta eterna autora.

Un paseo por versos

O Xardín de Rosalía, lembran dende o consistorio, está inspirado no poema «Adiós ríos, adiós fontes», un retrato da emigración da época. Os seus autores propoñen neste espazo vivo, que irá mutando ao longo do ano, un paseo por estrofas deste poema a través da escenificación dalgúns dos seus elementos: regato, fontes, hortiña, figueira... Quen paseo o xardín poderá ter a sensación de estar facendo ese camiño da emigración, de forma que o enclave tamén pretende ser un tributo aos que se tiveron que ir.