Arturo Rodríguez, Indomable: «O meu é coller os bártulos e ir tocar»

F. RODRÍGUEZ / P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ENTREVISTA | Chega esta noite de sábado ao Casino de Carballo cun concerto en torno ao seu disco «El eterno telonero»

03 mar 2023 . Actualizado a las 22:34 h.

Soa Bien, joder para contextualizar esta entrevista. E, como dixo en Radio Voz o propio Arturo Rodríguez, Indomable, é toda unha «declaración de intencións». Nacido en Ourense, pero veciño da Coruña, onde se criou e desenvolveu a súa vida musical, ofrecerá este sábado en Carballo un concerto: será ás 22.00, no Casino, con entradas á venda por 8 euros de forma anticipada (entradium.com), ou ben de forma física no propio espazo carballés (10 euros). Curtido en locais e «garitos» de dentro e fóra de España —tamén residiu un tempo no estranxeiro—, trae a Bergantiños o disco El eterno telonero.

—Que pensou para Carballo?

—Levo un traballo que no seu día se viu un pouco trastocado pola pandemia. Saía a finais do 2019 e logo de trinta concertos, con outros tantos xa comprometidos, chegou marzo do 2020 e o confinamento. Así que toca recuperar compromisos previos.

—Primeiro concerto na capital de Bergantiños.

—Anecdotisimamente, si. Ben galego que son, e pateei a Península e máis alá, pero esta será a primeira oportunidade para amosar os meus temiñas ao lado da casa. Por esa razón levo moitas ganas, e tamén polo emprazamento, que sei que o Casino é un sitio con moita traxectoria e historia. Engade ilusión á data.

—Por que Indomable?

—Polos anos de tesón, de camiño propio, de incondicionalidade, aínda que o noso sector e a música en directo teñamos hoxe dificultades. Instrumentacións e colaboracións están aí, e cando se pode imos en formato banda, dúo, trío..., pero este é, en todo caso, un proxecto persoal. A Carballo vou en formato solitario, íntimo. Guitarra, harmónica e voz nunha presentación cara a cara, de distancias curtas, cun corte tranquilo.

—Máis de 200 concertos.

—Hoxe aos músicos esíxenos moitas facetas, pero eu defendo e defenderei sempre as presentacións en directo. Estamos hiperborrachos coas novas plataformas de streaming, pero eu xa teño unha idade, e antes de Indomable outros proxectos, e non entendo outra forma de facer música que non sexa en salas e garitos, cara a cara. O meu obxectivo é entrar nas vidas da xente desa maneira. Prefiro gastar enerxía, folgos e cartos niso, e non nun vídeoclip para chamar a atención mediante unha pantalla.

—Botoulle humor: “El enterno telonero”. Compartiu escenario con Iván Ferreiro, Xoel López...

—E moitos máis. Sempre estiven ligado a música, diante e tamén detrás, e sei o que hai. Este proxecto comezou no meu sofá, sen apoios, cunha guitarriña vella e liñas moi sinxelas. Non aspiro a ser cabeza de cartel, entendo que vou ser sempre un segundo prato e está ben, só busco algo de estabilidade. O meu é coller os bártulos e ir tocar alá onde me contraten.