Sheila Patricia: «Os folclores repítense dun xeito similar nas diferentes beiras do mar»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Sheila Patricia
Sheila Patricia Aitor Ramos Soto

ENTREVISTA | Pioneira da «folktrónica», referente da canción de autora en Galicia, ofrece hoxe un concerto en Carballo. Co Maneo de Caión, di, tiña unha débeda pendente

03 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Avanzarán hoxe os Venres Culturais de Carballo co concerto de Sheila Patricia: 21.00 horas, Pazo da Cultura entradas en ataquilla.com. A artista falou onte en Radio Voz:

—Raíz adaptada aos tempos. De vostede din que é unha das voces referenciais da nova canción de autora en Galicia e ademais pioneira da «folktrónica».

—Ser pioneira de calquera cousa é marabilloso. Estou contenta e feliz de ter a visibilidade que require poder ter unha carreira con bos froitos. Que dicir? Moi contenta deses termos que me acuñan.

—Vén dunha exitosa xira por Latinoamérica. Hai nada actuaba ante 10.000 persoas no Festival de Cosquín, invitada de Flor Paz, artista arxentina.

—Unha experiencia incrible. Agradecida. O público arxentino é fervoroso, reciben con enerxía. Vou bastante por alá, trato de facelo anualmente, e penso que a deste ano foi a mellor xira que fixen nunca.

—A Carballo tráenos «Soa».

—Levarei un pouco o que estou a facer coa banda, porque aí estarán por exemplo temas do disco [Orixe], como ese que soaba ao comezo da entrevista, Maneo de Caión, pero tamén haberá música núa. Eses inicios de guitarra e voz, algo a capella. Algo moi íntimo, creo. Os meus concertos cando vou neste formato solitario penso que son unha oportunidade para conectar coas emocións, ledicias e penas que pode traer cada un.

—Que lle chamou da peza «Maneo de Caión»? Algún vínculo familiar ten con Bergantiños?

—Cando a saquei tiña ganas de lanzar unha peza moi coñecida no mundo tradicional, non tan coñecida polo grande público, un tema fácil de recoñecer. Pareceume marabilloso. Estaba ademais no disco de Cantigueiras de Carlos Núñez, e penso que foi o primeiro maneo que escoitei cando era rapaza. Tiña unha débeda con ese tema. Son do sur [de Galicia], pero foi un xeito de irmandarme co norte, e con ese canto que temos en Galicia que é tan potente. O maneo é unha cousa... E con Bergantiños, só o vínculo da pura paixón, da admiración.

—Mais foi na Laracha un dos seus primeiros concretos de presentación do disco «Orixe».

—Si, certo. Son moi da miña zona [Redondela, Pontevedra], pero ao final a Costa da Morte toda é moi potente, brava, pura, ten moita verdade. Fixen cousas co corazón e ao final acabei tocando por esa zona, toda unha ledicia.

Sheila Patricia, durante o seu concerto na Laracha
Sheila Patricia, durante o seu concerto na Laracha ANA GARCIA

Mereceu o Martín Códax de músicas do mundo e mestizaxe. Vostede é tradición, pero tamén fado, jazz, electrónica ou folclore latinoamericano. Como se lle deu por fusionar todo?

—Son dunha casa na que soaban todos eses xéneros dende que era pequena. Meu pai é fillo de emigrantes, nacido na Arxentina, co cal teño a oportunidade de ter ese vínculo especial. É como ter plastilinas de cores, ao final vas facendo o teu boneco co que tes a man. Todo isto do que falamos é música de raíz, pero de cada sitio do mundo. Non podía deixar de mesturalas, porque para min teñen raíz común. Os folclores repítense dun xeito moi similar nas dimensións beiras do mar. A miña visión, ante todo, é a de unir. As raíces dan sentido, podemos atopar máis respostas cando sabemos de onde vimos. Se eu penso no canto de miña avoa, non teño máis que honrarlle, se penso en como coloco os pratos cando os lavo, probablemente a estea imitando, ou cando boto unha risa...

Hai moito de simboloxía en vestiario, iluminación... Esteticamente, que trae a Carballo?

—Estou aínda creando, a min gústame que en cada concerto haxa algo particular. Traballo dende un punto de vista moi feminino e na estética creo que se percibe... Defendo moito a diversidade dos corpos, das persoas, das peles...

Como se presenta o 2023?

—Logo dun 2022 de premios, concertos e alegrías, andamos contentísimos. Somos finalistas co noso tema A Moura nos Premios aRitmar de músicas de Galicia e Portugal. Hai tamén algunha nova por aí que aínda non se pode contar...