O Neme, monte sagrado dos brigantinos

Xan X. Fernández Carrera

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

23 feb 2023 . Actualizado a las 17:04 h.

A influencia da natureza na vida das persoas diminuíu á medida que a poboación se fixo máis urbana. Montes, ríos, fontes, bosques ou rochas foron perdendo o valor simbólico e espiritual que tiveran para os antigos habitantes do medio rural. Cada comunidade atribuíalle un carácter divino a aqueles compoñentes naturais máis significativos da contorna, segundo a súa relevancia na paisaxe.

Os montes ademais de seren os elementos que máis sobresaen no medio, tamén constituían para o grupo a gran reserva de materias primas necesarias para a vida diaria. Aportaban caza, leña, minerais ou auga, pero tamén seguridade, dominio da paisaxe e achegamento ao mundo divino.

O monte Neme, pola súa situación estratéxica ao pé do mar, sen ningún outro cume que eclipse o seu dominio sobre o territorio, converterase nun lugar de referencia para os brigantinos que habitaban as terras centrais do val do Anllóns, o mesmo que o impoñente Pindo representaba para os nerios que vivían na parte sur do que hoxe denominamos Costa da Morte.

Sobre o Neme existen datos suficientes para mostrar o seu carácter sagrado e simbólico que tivo para aqueles primeiros poboadores. O propio nome, que procede da verba celta «nemet», significa «bosque sagrado», calidade que se reforza coa existencia no seu cume dun círculo lítico, construción megalítica constituída por un conxunto de pedras chantadas de forma circular cunha función funeraria ou de observación astronómica, e que se mantivo en pé ata os anos sesenta do século pasado, do que conservamos documentación escrita e información oral.

Pola súa forma redonda, semellante ás eiras de mallar trigo ou centeo, tamén se lle deu o nome de Eira das Meigas. A segunda parte do topónimo, achégalle unha carga simbólica negativa, froito dunha intencionalidade de rexeitar antigos cultos precristiáns que alí se practicaban, e para erradicalos, a igrexa católica fundou a capela de Santa Cristina, da que dispoñemos de documentación desde o século XVI.

A intensa actividade mineira que houbo neste monte durante a II Guerra Mundial e posteriormente, borrou todo tipo de vestixios do crómlech, da ermida e da fonte santa que alí había.

A comezos do século XX xa se coñecía a existencia de estaño e volframio de monte Neme, seguramente os primeiros en descubrilo serían o inglés John James Rosewarne, buscador de minas, e o laxense Plácido Vidal, afeccionado tamén á minería e pai do fotógrafo José Vidal, que transmitirían a noticia ao médico carballés Pedro Abelenda, quen no ano 1917 xa cita a mina «María del Carmen», nome da súa dona e da primeira filla.

Unha vez finalizada a I Guerra Mundial, Abelenda decátase do valor estratéxico do volframio. Así llo comunicou ao seu amigo e político Emilio González López, ao que lle dixo: «Se volve unha guerra, aquel monte que ves alí (en alusión ao Neme) farame millonario». Así sucedeu trala seguinte contenda mundial. Non só se enriquecería el, senón outros máis como o seu xerente Jacinto Amigo Lera, Muñiz de Cances e outros oportunistas afíns ao réxime franquista.

Despois da Guerra de Corea o prezo do denominado ouro negro descendeu de maneira considerable e era pouco rendible a súa explotación. Logo, a actividade mineira orientouse cara ao aproveitamento de áridos para a construción, ata o peche da canteira no ano 2011. A partir dese momento, as instalacións quedaron no abandono á espera dun plan de recuperación do espazo mineiro, que presentaba graves riscos para visitantes e poboación próxima, como así se comprobou cando no 2014 rebentou unha das balsas e a enxurrada invadiu terras e vías de comunicación dos veciños de Aviño e Razo da Costa.

Unha vez disolta a empresa Leitosa en 2015, última concesionaria da explotación, sen dispoñer de ningún tipo de aval para facer fronte ao plan de recuperación, só quedaba a intervención da administración pública, neste caso a Xunta de Galicia, que lle dese solución á grave situación do monte. Diante da demanda social e a responsabilidade que supoñería un novo accidente, o goberno galego solicitou fondos europeos para acometer ese plan de recuperación, para o que se aprobou unha partida de un millón de euros, pendente do reparto deses cartos.

Este proxecto de rehabilitación, ademais de rexenerar o espazo mineiro, debería contemplar tamén un plan de posta en valor do monte de cara ao futuro, tendo en conta a súa potencialidade natural, paisaxística, histórica e cultural.

Monte Neme tería que converterse nun lugar emblemático de Bergantiños e recuperar a importancia que tivo no pasado. Dispón de suficientes atractivos para logralo: miradoiro excepcional sobre a comarca, excelentes recursos naturais para convertelo nun espazo de educación ambiental, lugar axeitado para a práctica de deportes como o sendeirismo, o cicloturismo ou o campo a través. Mais tamén reúne magníficas condicións para outras actividades socioculturais ao aire libre relacionadas co patrimonio histórico da Eira da Meigas, a capela de Santa Cristina ou a antiga mina.

Toda esta posta en valor sería compatible co aproveitamento forestal por parte dos veciños das parroquias circundantes e ofrecería oportunidades de traballo para os habitantes dos núcleos da contorna, pero o que non tería ningún sentido sería que despois de executar o plan de rehabilitación do monte, se permitise a instalación dun parque eólico, co grave deterioro do entorno que este ocasionaría.