O porco Cachucho gañou o concurso da sardiña en Carballo

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O Enterro da Sardiña, que pon fin ao carnaval carballés, comezou cunha divertida peza teatral

22 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lucifer, San Gabriel, a Morte e o porco Cachucho foron os catro participantes do divertido e retranqueiro concurso que onte precedeu ao tradicional Enterro da Sardiña en Carballo.

Como se dun certame televisivo se tratase, os concursantes tiveron que enfrontarse a diferentes probas para ir pasando de fase, consistindo a primeira delas nunha serie de preguntas sobre este tempo de entroido. Cunha boa dose de humor, as dúas presentadoras deste A gañar, a gañar, sardiña pra enterrar foron interrogando aos concursantes sobre cuestións como os doces típicos, as costumes que adoitan seguirse nesta época do ano ou a celebridade que é enterrada ao finalizar esta festa. A seguinte proba consistiu na elaboración dun pequeno epitafio en recordo á sardiña que cada participante tivo que ler en alto, someténdose ao aplausómetro do numeroso público que onte se congregou baixo a carpa instalada na Praza do Concello. Como no exercicio anterior, alzouse vencedor Cachucho.

O terceiro e decisivo desafío foi de corte gastronómico, pois o porco tivo que enfrontarse a un membro do público na inxesta dunha filloa. O que antes rematase, gañaba, e como non podía ser doutro xeito, nesta pequena peza teatral montada por Vagalume, foi Cachucho o gran vencedor da noite e o encargado de acompañar á sardiña na súa procesión final cara o río Anllóns.

Ademais de por numeroso público, a comitiva estivo integrada tamén por varias mozas no papel de viúvas, pola charanga Santa Compaña e por voluntarios de Protección Civil, que garantiron a seguridade do traxecto polas rúas do casco urbano.