Guía básica de regueifa: rima, ritmo, orde de versos e retranca

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Acolleu Carballo o primeiro dos obradoiros promovidos polo Servizo de Normalización Lingüística

16 feb 2023 . Actualizado a las 22:28 h.

Entre os 11 anos de Sara e os case 80 de Manuel confluíron unha ducia de persoas o venres á tarde no Casino de Carballo. Lupe Blanco, coristanquesa, Premio Galego da Regueifa 2021 e 2022, dirixía alí o primeiro dos obradoiros programados polo Servizo de Normalización Lingüística carballés para as vindeiras datas. Hora e media de teoría e práctica da que a primeira copla que saíu entre todos non tivo perda:

Comeza a fin de semana

hoxe bebo en Carballo

de tanta sede que teño

non me chega nin o orballo

Hai quen cre, e en Bergantiños moitos, que un regueifeiro ou regueifeira nace. Pero se noutro tempo había moitos e agora non chegan a vinte en Galicia, «sera que o Deus da regueifa agora xa non traballa?». Non hai vara máxica, dixo Lupe: a regueifar tamén se aprende, aínda que iso non quita que algo de retranca teña que vir de serie. Misión: «controversia» e «quitar gracia».

Rima (asonante ou consonante) e ritmo. Velaí os dous eixes sobre os que armar una regueifa: «Cando regueifamos temos que ter unha melodía na cabeza. O primeiro de todo é ter esa melodía na que nos sintamos cómodos», expuxo a coristanquesa. Bergantiños, que é berce desta improvisación oral, xoga con vantaxe, claro, porque aquí «temos 40.000». Improvisar pódese facer a moitos ritmos, «ata de Rosalía!». Sinalefas de por medio, cabe lembrar son catro versos octosílabos (oito sílabas): os máis importantes, segundo e cuarto, que son os que teñen que rimar. A regueifa é rima, é improvisación e é, fundamental, unha forma de darlle pulo ao galego. Porque a regueifa «mola» e engancha tanto que ata nalgunha «Castellana» de Galicia soben ao carro.

Ana García

Se a graza dun chiste está na conclusión, armar unha copla tamén ten que empezar polo cuarto verso: «A mensaxe importante, ao final». Por tanto: pensar primeiro o último verso, logo o segundo (porque ha de rimar), a continuación un terceiro (conexión entre os outros dous) e finalmente o primeiro, «que pode ser un verso de presentación ou situación». E como darlle contido a todo isto? Pois aí chega outra clave de Lupe: «Ter algo do que cantar, ter información». O regueifeiro ou regueifeira, artista total, ha de saber en que contexto se move, quen ten ao lado, controlar a actualidade.

Todo isto xunto permite «pasalo ben a mantenta», que foi o que desexou botando unhas coplas a técnica de normalización lingüística de Carballo, Carme Pereiro. Regueifa, lembrou Lupe, ademais de arte popular; designa rosco ou bola e mesmo un baile. En canto a improvisación oral en verso, non é o único xénero en Galicia, mais o último brindeiro do Courel morreu no 2019, os xenerais do Ulla levan os atranques aprendidos, as bombas de Vilariño de Conso teñen marxe para ser pensadas e os desafíos entre aldeas da raia xa só quedan en recollidas: «Por iso dicimos que o único xénero de improvisación oral que segue vivo en Galicia é a regueifa, pero temos faltiña de xente».

En Cantabria fan coplas, en Cataluña glosas, en Andalucía décimas ou quintillas e en Murcia trovos. A anos luz, o País Vasco, co seu bertsolarismo que se imparte como materia nas escolas e é capaz de reunir a 20.000 persoas que aboan entradas de 60 ou 70 euros. Máis lonxe aínda os decimistas de Cuba: alí hai carreira universitaria e mesmo cátedra. En Brasil teñen repentistas e na Arxentina payadores e ata un día festivo dedicado a eles. Non chegou ata aí (aínda) Galicia, pero a regueifa, visto o visto, é cando menos resistencia.