Catro venres para dárlle á lingua e regueifar en Carballo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

A primeira sesión será hoxe, das 19.00 horas en adiante, no Casino, con Lupe Blanco

10 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, primera sesión • «Volve o Enreguéifate a Carballo e queremos reunir máis enerxía ca nunca. Convidámoste a participar e a poñer o teu gran de area para que a regueifa continúe a medrar». Para dar resposta a este convite do Concello de Carballo a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) vai haber alomenos catro oportunidades nas vindeiras datas, a primeira delas hoxe: 19.00 horas, no Casino.

Casino 1889, Escola do Alprende, asociación cultural Nemeth e asociación cultural As Landras sumáronse a este proxecto e colaboran co SNL carballés «para que botes a lingua a pacer» a través de obradoiros de regueifa abertos á cidadanía e que se levarán a cabo arredor do entroido. Como condutora, Lupe Blanco, a mellor regueifeira de Galicia, título obtido por segundo ano consecutivo no pasado mes de xaneiro, durante os Premios Galegos da Regueifa convocados por La Voz de Carballo coa colaboración de Calvo, Xunta e o propio Concello. Así, a sesión de hoxe, das sete da tarde ás oito e media, será no Casino, quedando as seguintes tres como seguen:

  • Venres 17 de febreiro, de 19.00 a 20.30, no centro social de Oza.
  • Venres 3 de marzo, de 19.00 a 20.30, no Espazo Xove de Carballo.
  • Venres 10 de marzo, de 19.00 a 20.30, no centro social de Bértoa.

Lembran dende o Concello carballés que Enreguéifate é un proxecto colaborativo entre os municipios de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo. Busca difundir a improvisación oral en verso, á vez que contribuír á promoción do uso do galego. Ademais do certame en sí, con prazo aberto ata o 10 de marzo, hai formación e unha gala conxunta do Enreguéifate e o Regueifesta, prevista para o 14 de abril en Santiago.