Alba Bermúdez, actriz, piar de Galeatro: «A improvisación é un risco»

F. Rodríguez, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

GENTES DEL FINIS TERRAE | Catro cómicos, un códice medieval en galego... A compañía carballesa Galeatro, este venres, xoga na casa. Trae Arte sen guión, a súa primeira obra para adultos

08 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo terá esta fin de semana dúas citas cos seus Venres Culturais. A primeira delas será teatro para adultos, teatro da casa: venres, ás 21.00, no Pazo da Cultura, a compañía Galeatro, primeira compañía profesional de teatro de Carballo, ofrecerá Arte sen guión, coprodución co Centro Dramático e a Cidade da Cultura: entradas en ataquilla.com. Falou en Radio Voz Alba Bermúdez (Carballo, 1989), intérprete e piar da formación, cofundadora con Tone Martínez:

—Di a hemeroteca que Galeatro nace no 2013. Dez anos!

—Si, pero... Sempre hai un pero [ri]. No 2013 comezamos a facer algunha cousiña, pero tiñamos outras frontes abertas, así que cremos que é no 2015 o ano no que poderiamos dicir que naceu. A festa dos dez aínda non foi.

—«Arte sen guión» é a primeira obra da compañía para adultos, ata agora máis centrada en público infantil e mocidade. Algo puntual ou un cambio de rumbo?

—Non. Tanto Tone como eu traballamos con outras compañías para público adulto e apetecíanos, coa nosa, facer un espectáculo. Xurdiu esta oportunidade, non habería mellor ocasión, e comezamos con esta vertente.

—Catro cómicos descobren un códice de teatro medieval en galego, pero está incompleto. Deciden completalo eles mediante improvisación, coa axuda do público... Velaí a sinopse.

—Exactamente. Por engadir algo máis, únense números musicais, hai música en directo. Pode un pensar que un venres ás nove da noite non está para teatro medieval, pero, por así dicilo, iso é o que o envolve todo. As improvisacións non deixan de ser comedias. Alá a onde fomos, gustou.

Ana García

Dixo Tone Martínez que a «impro» está de moda. É un reto levala a espazos máis convencionais, como é o caso dun teatro? Ou é unha improvisación traballada?

—O que pasa coa improvisación é que se adoita facer máis en espazos máis distendidos. Está moi asociada aos café-bar, pero nós con isto o que pretendemos foi crear un espectáculo redondiño, onde estivesen números non improvisados e, á parte, eses xogos que van completando este libro. Todo xunto, levado a un teatro.

—A improvisación ten o seu.

—Tes que ter un bo día. Pero pódelo ter malo, como en calquera traballo, e no teatro o ter a obra ensaiada permite ter un mínimo de onde tirar, saia mellor ou peor. A impro é un risco, e máis cando tamén hai unha parte de participación do público. Pero que non se asuste ninguén, non hai que saír ao escenario... Ao principio do espectáculo o público escribe unhas tarxetas que son as que completan o libro. Entón, claro, cada un pon o que quere, e a partir de aí nós traballamos, xogamos... Dá máis medo, pero tamén está aí o feito de que este espectáculo é cada día un novo.

—Auguraban na presentación dinamismo, frescura, escachar a rir... Así foi no festival de teatro clásico de Almagro, todo un referente. Como conseguiron cadrar un formato, parece, tan innovador, nun encontro de teatro clásico?

—Este ano Galicia foi a comunidade convidada para asistir ao festival. Escolléronse un par de compañías que nese momento traballabamos sobre clásicos, e así xurdiu. Tamén eu, a verdade, tiña algo de medo de non encaixar, pero funcionou moi ben. Enchemos os dous días, a xente quedou contenta e, sendo Galicia a comunidade convidada, actuabamos ademais en galego. O idioma non foi ningunha carreira.

BASILIO BELLO

—Carballo non é unha praza teatral calquera. No último FIOT estreaban con boa crítica «Wombo Combo», coprodución precisamente co festival. Como lles vai coa peza?

—Está a ser todo ledicias. Recíbese moi ben e proximamente publicarase ademais o libro. Temos un abril cargado de funcións.

Cre que Carballo, ou o propio FIOT, lles son un talismán?

—Así o cremos, un lugar onde nos facilitan e nos axudan moito.

—Nas súas obras teñen tocado medio ambiente, plásticos, acoso escolar, realidade virtual... Un teatro con conciencia, non?

—Si, ao final é a forma de aportar a nosa visión, a nosa forma de transmitir. Intentamos tocar temas relevantes, e que interesen.

Ficha técnica

Dirección e dramaturxia: Miguel Canalejo. Intérpretes: Alba Bermúdez, Miguel Canalejo, Cris Iglesias, Nacho Martín e Tone Martínez. Espazo sonoro: Nacho Martín. Escenografía: Alba Bermúdez. Vestiario: Anahí Taraburelli. Iluminación: Gonzalo Porteiro.