Carballo apela ao sentimento de pertenza neste mes do amor

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CONCELLO DE CARBALLO

O Concello lanzou a campaña «Carballo levámolo dentro», que arrincou onte cun photocall coincidindo co mercado semanal

03 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Carballo aproveitará estas dúas semanas cheas de amor entre o Día da Candeloria —a partir do cal ningunha ave voa soa— e o Día de San Valentín, para apelar ao sentimento de pertenza e chamar á veciñanza a «facer fachenda do pobo». Serán varias as accións que integrarán esta campaña, que se denomina Carballo levámolo dentro e que continúa a liña iniciada en 2019 coa marca Eu quero Carballo.

Onte mesmo se levou a cabo a primeira iniciativa, que consistiu na instalación dun photocall coincidindo coa celebración do mercado semanal. Todo aquel que se tomase unha fotografía co cartel identificativo da campaña levaba como agasallo un imán e un adhesivo para o coche, tal e como puideron comprobar o concelleiro Juan Seoane e o alcalde, Evencio Ferrero, nunha visita ao lugar.

CONCELLO DE CARBALLO

Ademais, o Concello anima á veciñanza a enviar vídeos que despois se publicarán nas redes sociais e que serán recompensados cun agasallo sorpresa. Vídeos aos que se sumarán os remitidos por persoeiros que tamén presumirán do seu amor á vila: a enxeñeira informática e investigadora da UDC Verónica Bolón, o xornalista Manuel Rey, as futbolistas Elena Vázquez e María Varela Bardanca, os arquitectos Diego Díaz e Gustavo Figueira ou a cociñeira Rocío Martínez.

Por último, o día 14, os clientes do mercado municipal levarán un agasallo: unha bolsa de rafia co lema da campaña.