«O espazo rural en Galicia ten unha importancia clave de cara ao futuro»

L. García, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A VIVA VOZ | A innovación na agricultura, di Alfonso Ribas, abre importantes campos de traballo para os titulados. Falou en Radio Voz do programa KICAP, coordinado pola Fundación Juana de Vega 

27 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Informar sobre a contribución da Política Agraria Común (PAC) á modernización do sector agrícola e ao fomento da innovación que se precisa para asegurar a sostibilidade na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é un dos principais obxectivos do programa KICAP, do que falou en Radio Voz Alfonso Ribas, director de área de investigación e innovación da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora da posta en marcha do mencionado programa. Fíxoo en Voces do Agro, espazo conducido por Luis García, director da EFA Fonteboa de Coristanco. Coa nova reforma da PAC xa aprobada, toca, pois, prepararse para os tempos:

—KICAP pode soar a descanso, a paréntese, pero non. Que é?

—É un programa que leva por nome o acrónimo, en inglés, de coñecemento e innovación na política agraria común, na agricultura. No novo período de programación da PAC hai un obxectivo transversal a nivel europeo: a modernización da agricultura e das áreas rurais impulsando a innovación. Isto concrétase co reforzamento dos sistemas de coñecemento, que conforman en cada rexión diferentes actores. Aquí en Galicia moitos, como asesores públicos e privados, centros tecnolóxicos, de investigación, de formación, organizacións coma a nosa, os propios agricultores e tamén organización agrarias.

—E está centrado na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

—Si, podemos dicir que é a continuación dun proxecto anterior que xa tiveramos o ano pasado na fundación, o FunCap, nos dous casos financiados por unha medida da Dirección Xeral de Agricultura da Unión Europea, o programa Imcap. Decidimos seguir traballando na eurorrexión porque xa nese proxecto anterior fixeramos unha rede de colaboración con escolas agrarias e queriamos manter ese contacto.

—Ata cando se desenvolverá?

—Finaliza en agosto, e se ben o ano pasado foi un traballo máis de preparación, de poñer en marcha a web, de empezar a publicar as primeiras informacións, este será o ano da actividade principal. Haberá unha parte de seminarios nas escolas, para amosarlle aos alumnos que oportunidades profesionais hai ligadas á innovación na agricultura, complementando un pouco o aprendido con FunCap, e haberá logo catro seminarios. Dous a nivel da eurorrexión, e outros dous en producións animal e vexetal.

La PAC promueve la recuperación de razas autóctonas como las vacas vienesas que en la imagen se ven pastando en un prado de la Costa da Morte
La PAC promueve la recuperación de razas autóctonas como las vacas vienesas que en la imagen se ven pastando en un prado de la Costa da Morte ANA GARCIA

—Publicábanse a finais de ano tres reais decretos de obrigado cumprimento de cara ao período 2023/2024. Fertilización sostible, fitosanitarios... Haberá aí un campo de oportunidades laborais para as persoas formadas, oportunidades das que concienciar.

—Coincido. O reforzamento do asesoramento vai ser central neste novo período. E o tema especificamente relacionado coa sostibilidade, tamén. O decreto de nutrición sostible dos solos agrarios esixe, por exemplo, que para determinadas explotacións ou producións, a partir dun número de hectáreas, se conte cun asesor para facer as cousas como se deben facer. E aí, obviamente, ábrese un campo de traballo importante para os novos titulados.

—Novos titulados que poden ser dunha FP de grao superior. Non necesariamente universitarios.

—Si, si, por suposto.

Ganadería Busto Corzón. Aplicación del purín mediante tubos suspendidos: se deposita en la superficie.
Ganadería Busto Corzón. Aplicación del purín mediante tubos suspendidos: se deposita en la superficie.

—Quen participa de KICAP?

—O programa é monobeneficiario. Os fondos recíbeos Juana de Vega, pero non podemos desenvolver este proxecto sós. Temos un comité asesor do que participa persoal da Consellería de Medio Rural, colegas portugueses que traballan na Administración en materia de agricultura, directores de centros de formación, xente da USC, asociacións rurais... Hai ademais oito escolas de formación agrícola, tres lusas e outras cinco galegas: a propia Fonteboa, así como as de Arzúa, Becerreá, Sergude e Lourizán. Hai, ao mesmo tempo, outras escolas doutro tipo de formacións: restauración, cociña e incluso máis xerais, institutos de secundaria.

—Porque a PAC, actualmente, transcende o agrario. Mudou.

—Todos vimos este cambio da PAC nos últimos decenios. De ser unha política meramente produtivista a ser máis global, de todo o rural. O espazo rural en sitios como Galicia ten unha importancia clave de cara o futuro. E ademais, con estas últimas crises que vivimos, como a guerra de Ucrania, estase poñendo moi en primeiro plano a importancia que teñen políticas como a PAC para intentar, aínda que agora non se estea conseguido pola inflación, ter alimentos dispoñibles para a sociedade a prezos razoables. É o que leva procurando a PAC anos, e creo que a xente está volvendo a mirada cara o rural, decatándose da importancia desas producións e de que se poidan facer dun xeito sostible, de forma que os agricultores gañen cartos ao tempo que se poidan ter tamén, como digo, uns prezos razoables.