Youtubeiras expande rede dende Carballo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

O Pazo da Cultura acollerá o sábado a gala de premios deste proxecto que visibiliza contidos dixitais en galego

24 ene 2023 . Actualizado a las 19:15 h.

«En galego fanse cousas moi interesantes. É importante poñerlles diante aos rapaces referentes na nosa lingua», dixo en Carballo Mario Brión, Olaxonmario, un dos membros do xurado da sexta edición dos Premios Youtubeiras, cuxa gala, presentada este martes, será este vindeiro sábado no Pazo da Cultura de Carballo (20.00 horas). Con «satisfacción», afirmou o edil de Cultura, Marcos Trigo, recibe a vila o ser anfitrioa deste encontro: «YouTube é unha canle para abrirse ao mundo, na que a presenza do galego é fundamental. É clave que a lingua cobre protagonismo nas tecnoloxías», incidiu, aludindo tamén á colaboración entre institucións para este proxecto.

Ana García

Youtubeiras é promovido polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, das tres universidades galegas e da Deputación. Como obxectivo, fomentar a creación en galego en Youtube con temáticas e formatos diversos. É «visibilización» da comunidade de creadores de contidos dixitais na rede, pero é tamén «punto de encontro», «catalizador», «escaparate, aglutinador e canle de formación», incidiu da súa banda Carme Pereiro, coordinadora de Youtubeiras e técnica de normalización lingüística de Carballo.

Cursos, obradoiros cos rapaces nos centros educativos (recuperouse este pasado ano a presencialidade) e encontros e conversas con talento doutras comunidades que poñen de manifesto «a capacidade creadora» en Galicia son tamén piares deste proxecto, que por tanto vai máis alá da gala. Interesan moito, afirmou Pereiro, as xeracións máis miúdas, «as creadoras do futuro», pois representan «a remuda dixital e a remuda da lingua». Nesta sexta edición dos Premios aspiran a gañar o concurso 22 propostas finalistas, con oito galardóns: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, redes e premio do público. Repartiranse 7.500 euros, ademais de diplomas e unha medalla elaborada por Nahuel Pérez.

Trigo tamén puxo o foco no crecemento do certame: véxase o salto do 2021, con 31 canles concorrendo, ao 2022, cun total de 75. Destas últimas, 45 por vez primeira, «e con proxectos moi sólidos e con potencial», afirmou Mario. Falou el tamén de calidade, de proxección e, sobre todo, de que detrás de cada proxecto «hai un equipo humano». Moita xente facendo cousas en galego, do que dan mostra as cifras do 2021: presentados máis de 2.600 vídeos en lingua galega, con máis de 40.000 subscritores e máis de 2.743.000 visualizacións. Cifras que sorprenderon, «e que nos enchen de orgullo», abundou Carme Pereiro, de aí o lema elixido para esta volta: Para rede, a nosa. Moi acaído con ese «tecer comunidade na creación dixital en galego», que se está dando tanto de xeito individual como en asociacións.

Ana García

Cadra moi ben, tamén, co formato elixido para a gala, avanzou Cristina Collazo, a guionista. Ela será a presentadora. Una gala inspirada nos 90, con Rafaela de Carral como condutora (claro aceno a Carrá) e unha dinámica de concurso televisivo no que o público «terá que traballar moito». Haberá interacción, diversión, sorpresas e música a cargo de LaMontagne e PicoAmperio: unha «fantástica festa» que rematará con petiscos, pousadoiro e DJ Misa. Non o tivo doado o xurado, integrado ademais de por Mario, por Mónica Fernández, Carmen Nieto, Elvira Nercellas e Alba Rodríguez, para facer esta primeira selección. Quedan horas para coñecer o podio.

Finalistas

Premio Canle

  • Toxío
  • Toñio Cociña Galega
  • Fica coa bola

Premio Youtubeira

  • Anxo Sánchez
  • Neeumátiko
  • LaBisonte

Premio Vídeo

  • A Moura (Contos de Santalla)
  • Bury your gays (Henfunk Studio)
  • Eduardita (Piratas sen parche)

Premio Youtubeira/o Revelación

  • Marcos Borragueros
  • Histérikas Histórikas
  • Falemos do Reino de Galicia

Premio Calidade Lingüística

  • Media Laranxa
  • Falemos do Reino de Galicia
  • Webserie Cóntallo a Cambados

Premio Pioneiro

  • Noticia Dispersas
  • Gallifrey Ceive
  • Pigado - Laura Veiga

Premio Redes

  • Proxecto R.E.D.E.S.
  • A Lobeira Today
  • Exército Mekemeke

Premio do Público

  • «Bembibre coas Tanxugueiras», de Xabi Gómez e Sara
  • «Mitos e ritos do tempo de defuntos. Conversas con Lidia Mariño», e Orgullo Galego
  • «Eduardita», de Piratas sen parche