Tito Asorey: «'Continente María' é un canto de amor ao propio teatro»

Patricia Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

XOAN A. SOLER

A Quinta do Cuadrante e Ainé traen este venres a Carballo esta peza teatral que, a través da figura de María Casares, conta todo un país. Fala o seu director 

25 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Presentaba Carballo hai uns días a súa programación Cultura con forza e, dentro dela, o ciclo Venres Culturais. Comezarán este venres 27 de xaneiro con A Quinta do Cuadrante e Ainé Producións, levando ao Pazo a obra teatral Continente María. Falou o director, Tito Asorey, onte en Radio Voz:

—Hai nada pechaban o FIOT 2022 e xa toca volver a Carballo.

—E sempre felices. Carballo é un lugar no que se nota tanto que hai unha tradición teatral moi instalada e frutífera! O público acode con ganas e ese xeito que teñen as vilas que teñen ese hábito construído a base de anos, de esforzo das institucións e das persoas que fan as políticas culturais. Sempre que vou a Carballo estou feliz de habitar ese espazo.

—E veñen con María Casares, en efecto, todo un continente.

—Levamos un espectáculo do que estou particularmente namorado. O que sucede en escena traspasa os límites do que pode ser un común nunha obra de teatro. Para min Continente María é un acto case sagrado de comunicación teatral. Comunicación co noso pasado na figura desa María Casares, enorme actriz, que tivo que saír de Galicia moi noviña, pola obrigatoriedade do exilio. Comezada a guerra civil marchou a Francia, e alí, en París, converteuse na grande actriz francesa do século XX. A súa figura sérvenos para falar non só dela, porque queriamos fuxir do só biográfico, senón para tentar contar un país, contarnos a nós.

—Hai unha especie de diálogo con Casares por parte da actriz Melania Cruz, Premio da Cultura Galega de Artes Escénicas 2022.

—O que fai neste espectáculo é marabilloso. Como director non podo soñar unha actriz mellor para esta obra, transfórmase en momentos, parece posuída por esa María Casares que volve aos escenarios. María dicía que os escenarios eran lugares onde os mortos volvían para saudar, e nós collemos esa frase como guía. E ollo, si, é un diálogo, porque no escenario está María, pero está tamén Melania, e ademais acompañada polo músico Vadim Yukhnevich, que fai un traballo espectacular. Hai música en vivo en case toda a hora e cuarto. Multiinstrumentista, toca piano, acordeón, guitarra, cantan os dous... El mesmo, conectado co mundo eslavo e bielorruso, fálanos de exilios actuais, porque como di tamén Casares, cando un está exiliado, estao para sempre.

—E en «Continente María» temos tamén retranca, humor, compromiso co teatro. Foi difícil levar estas reviravoltas a escena?

—Ata que atopamos o que queriamos contar si foi un traballo complexo, de meses de investigación, de armar a dramaturxia. Fixémolo cunha dramaturga uruguaia, Marianella Morena. Unha vez que ese fío e as palabras estaban claras, foi gozoso conformar este espectáculo, que non deixa de ser un canto de amor ao propio teatro. Levamos varias funcións e o público acaba en pé.

—Cen anos do nacemento de Casares. Aínda falta por darlle o lugar que merece no teatro do século XX, aquí en Galicia?

—Dende logo. Unha muller como María Casares tería que ter un teatro na súa cidade natal. En París hai rúas co seu nome, en Avignon ten o seu recoñecemento... Sei que houbo reivindicacións este ano para que o Teatro Colón pasase a chamarse María Casares, e pareceríame tan fermoso que A Coruña tivese eses dous teatros, o Rosalía de Castro e o María Casares! Porque acabou o 2022, o ano do centenario, e acaba tamén o festexo. Politicamente parece que non interesou, non puido ser, unha mágoa.