Carballo promove clases de Celga e de galego para inmigrantes

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Durante 30 horas, os participantes entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas.

22 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Servizo de Normalización Lingüística de Carballo comeza o ano con forza e, logo da entrega dos Premios Youtubeiras (o día 28), comezarán dúas accións formativas.

Por unha banda, para persoas de fora de Galicia está programado un obradoiro de acollemento lingüístico, no cal, ao longo de 30 horas, os participantes entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas. O curso, que se celebrará sempre e cando exista un grupo mínimo de vinte inscritos, inclúe un manual de contidos. As clases serán tódolos xoves, de 18.00 a 19.30 horas, entre os meses de febreiro e xuño.

Por outra banda, Carballo tamén repite este ano cos cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4. En anteriores ocasións a acollida foi bastante boa e neste caso precisaranse canto menos dez inscritos para poder levarse a cabo as sesións. Serán os xoves, de 19.30 a 21.00, no Fórum, entre febreiro e o 1 de xuño.

As persoas interesadas en calquera das iniciativas poden anotarse ata o día 1 de febreiro enviando unha mensaxe ao teléfono 626 125 495 ou ao correo electrónico snl@carballo.gal.