Un Carballo reforzado a base de cultura: axenda para os vindeiros meses 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Presentada unha nova edición da programación «Cultura con forza»: citas ata abril. Cine, teatro, propostas familiares, música, danza, exposicións... Vaia tomando nota! 

18 ene 2023 . Actualizado a las 20:06 h.

Máis de 25 propostas, entre cine, teatro, citas familiares, música, danza e exposicións, integran unha nova edición da programación Cultura con Forza en Carballo. Hai uns anos que a expresión bergantiñá «con forza» se elixiu como lema, pero este ano adquire máis significado, pois como dixo o edil de Cultura, Marcos Trigo, e coincidiu o alcalde, Evencio Ferrero, é un dos mellores programas dos últimos tempos, «por cantidade e calidade». Aquí estará o sublime da cultura galega e da creación local, véxase a compañía Galeatro, en cuxa representación interviron Alba Bermúdez e Tone Martínez. En Cultura con forza terán peso os Venres Culturais, ciclo con entidade propia polo que pasarán Talía, Chévere, Dulzaro, Elefante Elegante ou as tres mostras que se albergarán de mans da Deputación. Do 14 ao 29 de abril, 21.ª Primavera enDanza, «punto de encontro» para estar o tanto da vangarda na disciplina. A maiores, ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta, referente. «Agardamos que a xente o desfrute», dixo Trigo do menú.

Voces de parabéns

Galeatro, primeira compañía profesional de Carballo, traerá o 10 de febreiro «Arte sen guión», primeiro espectáculo da agrupación para adultos, unha coprodución con CDG e Cidade da Cultura estreada o ano pasado e coa que xa trunfaron no Festival de Teatro Clásico de Almagro. Catro cómicos descobren un códice de teatro medieval en lingua galega, pero está incompleto. Deciden facelo eles mediante improvisación e axuda do público. A «impro», dixo Tone, está de moda. Eles lévana coa obra a espazos teatrais máis formais, pero aínda así auguran dinamismo, frescura, «escachar a rir». Nesta comedia, na que tamén actúan Miguel Canalejo e Diana Sieira, hai asemade música, en escena a cargo de Nacho Martín.

Xurxo Couto, deputado provincial, deu aos parabéns a Carballo pola actividade, e incidiu na colaboración do servizo de Cultura da Deputación con este programa a través da Rede Cultural e de produción propia (documental sobre o Prestige, Día do Teatro...). Exposicións de tres dos doce premios que convoca a institución poderán verse na localidade: Luis Ksado (fotografía), Antonio Fraguas (artesanía) e Jesús Núñez (artes gráficas). Jacobo Sutil, director da Agadic, habitual en Carballo polas abondosas propostas culturais, fixo fincapé na Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta, que permitirá ver neste Carballo con forza dez espectáculos (teatro, danza e música), parte das 320 funcións previstas ao abeiro da Rede neste primeiro semestre, en 40 concellos, e cun orzamento de 1,1 millóns. «É o principal circuíto de distribución de artes escénicas e música», afirmou. Espectáculos «para estar orgullosos».

Arte sen guión, de Galeatro
Arte sen guión, de Galeatro

Acudir a eles parece o lóxico e a iso convidou o rexedor a todos os veciños da comarca: «Calquera persoa poderá atopar aquí un momento para disfrutar do que lle gusta». Agradecido co departamento municipal e o seu traballo, definiu a cultura como «ben» capaz de «facer sociedade». Forza para seguir reforzándose. Para xaneiro e febreiro, entradas á venda dende hoxe en ataquilla.com.

Amal en Ruta: mostra de cine auroárabe

Impulsan Fundación Araguaney-Puente de Culturas e concellaría de Cultura. Citas ás 20.30 horas, na biblioteca Rego da Balsa (xoves) ou no Pazo da Cultura (sábados). «The captains of Zaatari» (26 de xaneiro), The man who sold his skin (2 de febreiro), «1982» (4 de febreiro), «Mayor» (9 de febreiro) e «You resemble me» (11 de febreiro). Acceso libre e de balde.

Venres Culturais

Venres 27 de xaneiro | 21.00 | Teatro | «Continente María». De A Quinta do Cuadrante e Ainé Producións. Diálogo coa actriz María Casares.

Venres 3 de febreiro | 21.00 | Música | Dulzaro. De Castela e León. Traerá ata aquí «Lorca, sinfonía del amor oscuro».

Venres 10 de febreiro | 21.00 | Teatro | Galeatro. De Carballo. Función «Arte sen guión». Unha de «impro» teatral.

Domingo 12 de febreiro | 18.00 horas | En familia | Elefante Elegante. Compañía galega. Traen a función «Cubo».

Venres 3 de marzo | 21.00 | Música | Sheila Patricia. Unha das novas voces da canción de autora. Traerá «Soa».

Domingo 5 de marzo | 18.00 | En familia | Os Náufragos. Compañiía galega. Ofrecerán «Hugo». Hugo ten TEA.

Venres 10 de marzo | 21.00 | Teatro | Talía. A obra máis recente: «Unha inimiga do pobo».

Venres 17 de marzo | 21.00 | Teatro | Chévere. Función «Nevermore»: memoria do Prestige. Un berro de esperanza.

Venres 24 de marzo | 21.00 horas | Teatro | Excéntricas. Espectáculo «O porco de pé».

Primavera enDanza: a vangarda da danza contemporánea

Venres 14 de abril | 21.00 horas | Colectivo Glovo. Compañía galega. Ofrecerán «Tabú».

Sábado 15 de abril | 20.30 horas | Laboratorio Escénico Coop. Tamén galegos. Espectáculo «Blues de medianoite».

Sábado 22 de abril | 20.30 horas | Compañía Daniel Abreu. Chega dende Madrid. Trae o espectáculo «El hijo».

Venres 28 de abril | 21.00 horas | Elahood. Dende Galicia novamente. Función «Nó».

Sábado 29 de abril | 20.30 horas | Compañía Entremans. Galega igualmente. Pecharán coa peza «Bionic».

Exposicións: De luns a venres, de 17.00 a 21.00 horas

Do 20 de xaneiro ao 16 de febreiro | Premio Arte Gráfica Jesús Núñez. 16.ª edición.

Do 23 de febreiro ao 28 de marzo | XV Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado. Mostra de traballos premiados.

Do 2 ao 26 de marzo | «Xeometrías». Mostra pictórica do carballés Josecho González.

La propuesta de Carmen Riveiro fue merecedora del Antonio Fraguas en la modalidad de tradicional. Fotos tomadas en el castillo de Vimianzo
La propuesta de Carmen Riveiro fue merecedora del Antonio Fraguas en la modalidad de tradicional. Fotos tomadas en el castillo de Vimianzo BASILIO BELLO

Do 14 de abril ao 15 de maio | «Antonio Fraguas». Obras premiadas no certame de artesanía, entre elas o vestido de noiva en liño de Carmen Riveiro.

Do 27 de abril ao 31 de maio | Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís. Concurso promovido polo Concello carballés.

E ademais... Moito para elixirr

Unha ducia de espectáculos do Programa Apego, a sexta edición dos Premios Youtubeiras, catro concertos do Conservatorio de Música, o Festival de Varietés, catro xornadas musicais de altura no ciclo Curruncho Pop, o documental «Alegría. Prestige, 20 anos despois do desastre» e o décimo Carballo Interplay completarán esta intensa programación ata abril.