O acollemento en Galicia, e en Carballo, tamén é cousa de lingua

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A técnica Carme Pereiro
A técnica Carme Pereiro ANA GARCIA

O Servizo de Normalización Lingüística da capital de Bergantiños organiza, entre outras iniciativas, un obradoiro para persoas de fóra da comunidade

19 ene 2023 . Actualizado a las 19:06 h.

O Servizo de Normalización Lingüística de Carballo, coa técnica Carme Pereiro ao fronte, ten varias iniciativas en marcha. A máis inminente, a gala dos Premios Youtubeiras, este vindeiro 28 de xaneiro, pero tamén dúas accións formativas para febreiro.  Por unha banda, para as persoas de fóra de Galicia está programado un obradoiro de acollemento lingüístico, no cal, ao longo de 30 horas de duración, os inscritos entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas. O curso, que se celebrará sempre que exista un grupo mínimo de 20 persoas, inclúe un manual de contidos para o alumnado. As clases serán todos os xoves, de 18.00 a 19.30 horas, dende febreiro ata xuño. Doutro lado, tamén se repetirán os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, ben acollidos na pasada edición. Será preciso contar cun mínimo de 10 participantes, e as clases impartiranse todos os xoves, de 19.30 a 21.00 horas, no Fórum Carballo, dende febreiro ata o 1 de xuño.

As persoas interesadas, tanto no obradoiro de acollemento lingüístico coma nos cursos para preparar as probas Celga, pódense inscribir ata o 1 de febreiro enviando unha mensaxe ao teléfono 626 125 495 ou ao correo electrónico snl@carballo.gal. As inscricións realizaranse por orde de chegada das mensaxes ata completar o número máximo de alumnado.