Carme Pereiro: «A defensa do galego non ha de ser só de cara á galería ou diante do micrófono»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

XENTES do FINIS TERRAE | Técnica de normalización lingüística do Concello de Carballo, está convencida do potencial da regueifa, da improvisación oral, para dinamizar a lingua

18 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Pazo da Cultura de Carballo volverá encherse, o 28 de xaneiro, cunha iniciativa a prol do galego: os Premios Youtubeiras, convocados polos equipos de normalización lingüística de 12 concellos, das tres universidades e da Deputación, con Carballo na coordinación e coa técnica Carme Pereiro ao fronte. Case todo está lito xa para a gala. Carme visitou Radio Voz hai unha xornadas:

—Sexta edición, oito galardóns, 74 canles presentadas. Semella que na rede se move a lingua.

—Hai nivel e hai tamén variedade, en temática e en idades. Iso foi o que destacou o xurado este ano. 

Se hai algo que nos poida distinguir, iso é a lingua, ten dito. Esténdeo á Rede?

—Si. Hoxe todo está globalizado e a través da Rede, máis. A xente tende a pensar que se fala nunha lingua coma o galego, minorizada, e que agora empeza a ser tamén minoritaria, non a van entender. E non é certo. Empregar o galego é unha forma de diferenciarse con respecto ao resto do mundo e de conectar con outras comunidades, como a lusófona.

—Temos visto casos de éxito en redes, e en galego. Non é eiva.

—Non. É un plus falar en galego. Todos vestimos case igual, comemos máis igual, froito desa globalización da que falamos, pero a lingua, de momento, é algo propio de aquí.

Con vostede ao fronte, o Concello de Carballo recuperaba en xullo o seu Servizo de Normalización Lingüística. Como vai?

—Estiven achegándome á poboación, asociacións, centros... Percorrín rúas e mirei os comercios: como teñen as súas rotulacións, as súas mensaxes, como se dirixen ás persoas... Achegueime ata os parques, escoitei como falan as familias... Vou andando e escoitando. É deformación profesional. Se fose carpinteira estaría a mirar a madeira deste cuarto [ri].

Carme Pereiro, á dereita, o día da súa presentación como técnica de normalización de Carballo
Carme Pereiro, á dereita, o día da súa presentación como técnica de normalización de Carballo ANA GARCIA

—Recuperouse o Enreguéifate, Youtubeiras, Proxecto Apego...

—Son todos proxectos colaborativos. A mellor maneira de traballar en dinamización lingüística é en colaboración con outras entidades. Abarátanse custos, non se duplican funcións... O obxectivo común é a lingua, preocúpanos.

—A resposta está sendo boa.

—Si. Carballo implícase nos proxectos de dinamización lingüística, non só agora que estou eu, senón xa antes, con Nel Vidal. Xa daquela se participaba en Apego, Enreguéifate, Clube de Debate...

—Veñen de celebrarse os Premios Galegos da Regueifa. Que potencial lle ve a esta improvisación oral para dinamizar o galego?

—Moito. Porque ademais creo que esta zona de Bergantiños está principalmente implicada coa improvisación oral. Aquí estivo o xermolo da regueifa, e a xente ten fachenda diso. As dúas persoas que gañaron [Yéssica Nantón e Lupe Blanco] eran desta zona. Estupendas. Tres horas estivemos escoitando regueifar, e viuse o nivel que hai aquí. Tamén as escolas se implicaron moito con Enreguéifate, cos obradoiros, e aínda que inicialmente non estaban pensados para infantil, apostamos por esa etapa. A regueifa é improvisación e é música, e aos rapaciños encántalles a música. Estiven presente nalgún destes obradoiros e vinos totalmente integrados na formación da regueifa, uns obradoiros aos que por certo este ano se incorporaron persoas mozas, que están comezando, e nas que o alumnado pode ver un punto de unión.

—As institucións, afirmou, xogan un papel fundamental. De Carballo, parece, non hai queixa.

—Ningunha, pero tería que haber máis institucións que se implicasen coa lingua. É o seu deber. Hai unha lexislación clara. E non ha de ser unha defensa só de cara a galería, diante do micrófono. Pensarías que defendo o galego se cando saiamos ao corredor che falo en castelán? Pois hai moitísimas persoas nesa postura. É tan importante o que se ve de cara á galería como o que se escoita por detrás. Eses grupos de música, de contacontos ou de teatro que se contratan dende dinamización lingüística, e que sen ser de cara ao público non falan galego, e o público os está escoitando, que están transmitindo?

—E as familias que poden facer?

—Xogan o papel máis importante, porque é imprescindible transmitir a lingua. Están privando aos seus nenos e nenas de aprender unha lingua dunha maneira natural e sinxela nos primeiros anos, os máis importantes para a aprendizaxe de linguas. Asentarían unha base para que logo, xa máis maiores, poidan aprender tamén outras. Han de ter, pois, un papel de responsabilidade. Estou esperando, xa o dixen máis veces, que a xente nova pete co pé no sobrado, aínda que agora xa non o haxa de madeira, e diga: «Eu teño dereito a continuar coa miña lingua».

Ana Garcia

—É que non se mantén, esmorece.

—Chegamos á xeración que foi educada en castelán. Que lles transmite aos fillos? O castelán. Escóitanos a eles falar en galego? Non. Entón xa non hai ningún tipo de transmisión das familias. Por iso proxectos como Apego.

—Como está a comarca?

—Con respecto a outras zonas está mellor, pero noto algo preocupante. As persoas que falan galego cambian de idioma cando outras persoas se dirixen a elas en castelán, aínda que saiban que esa persoa as entende perfectamente. Non hai esa necesidade de cambio, nin se lle fai un favor.