Seis RegueiAstros para o ceo da regueifa en Carballo 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Suso de Xornes, Lupe Blanco e Antonio de Xornes, tres RegueiAstros de Bergantiños
Suso de Xornes, Lupe Blanco e Antonio de Xornes, tres RegueiAstros de Bergantiños BASILIO BELLO

Lupe, Suso e Antonio de Xornes, Bieito Lobariñas, Mani Braga e O Rabelo mediranse na categoría «profesional» dos Premios Galegos da Regueifa deste sábado

05 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Achégase o día. A segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa, convocados por La Voz de Galicia, reunirá este sábado en Carballo (18.00, Pazo, acceso libre) a RegueInfas, RegueiNovos e RegueiAstros, talento da improvisación oral que comeza e talento xa consolidado. É o caso este último dos RegueiAstros, que neste 2022 serán seis: a coristanquesa Lupe Blanco, gañadora o ano pasado; Suso e Antonio de Xornes, da vella garda bergantiñá; O Rabelo; Bieito Lobariñas e Mani Braga. Trobadores da comarca, pero tamén de terras un pouco máis alonxadas.

Lupe Blanco promete. Xa onte advertiu en Radio Voz a Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, entidade patrocinadora da iniciativa xunto co Grupo Calvo e o Concello carballés, que a el tamén lle tocará algo. «A regueifa préstase para todo, e eu estou moi contenta. Estamos facendo un traballazo neste sentido e se hai institucións que nos apoien, que mellor cousa», festexou a coristanquesa agradecendo aos organizadores da convocatoria por esa «sensibilidade para potenciar algo noso, patrimonio do que temos que estar orgulloso e orgullosas». Volve ao concurso co ánimo de pasalo ben e convencida de que Carballo «é o epicentro». Súmase á petición feita estes días dunha escola municipal de regueifa na vila: «Estou convencidísima de que a vai haber. É que nos están pasando pola dereita os de Vigo...!».

Lupe Blanco
Lupe Blanco BASILIO BELLO

Polo de pronto, o compromiso municipal, sopesa, xa está aí, con obradoiros nos centros educativos e, axiña, en asociacións. Agarda destes Premios «que a xente o pase ben, que vexa o potencial que ten isto, que vexa tamén como o fai a cativada». Haberá referentes da zona e internacionais, pois a cita do sábado no Pazo abrirase coa actuación do portugués Augusto Canario, para Lupe «o máximo expoñente da regueifa nese país, traballando a nivel internacional». Declárase «fan, fan», e prevé unha tarde «en grande».

Antonio de Xornes
Antonio de Xornes BASILIO BELLO

«Que se incorpore xente do segundo tramo» é o que máis festexa do seu lado Suso de Xornes, xubilado da súa profesión de garda civil o pasado mes de novembro: «De momento estou vendo o ambiente, pero non creo que me sente mal», ri. Cre que algúns dos RegueiNovos, dados a coñecer onte, ben poderían ser RegueiAstros: ten na memoria, por exemplo, as coplas de Carmaría ou de Óscar García. Este ano o xurado seleccionará temas para regueifar: «A veces o que faltan son iso, temas. Eu dous minutos sobre a flutuación do euríbor igual non falo, pero non haberá problema en improvisar, irémolo levando ao noso lado», detalla.

Á dereita, Antonio de Xornes, nunha das regueifas da pasada edición
Á dereita, Antonio de Xornes, nunha das regueifas da pasada edición BASILIO BELLO

Unhas palabras que secunda outro dos históricos destas batallas dialécticas, Antonio de Xornes: «O tema será o tema, pero na regueifa hai que ir acorde ao que che diga o outro, responderlle ao caso», declara. Dende xaneiro do ano pasado, conta Suso, as súas cousiñas foi facendo. Ademais de obradoiros, actuacións a nivel privado, en vodas ou comidas: «Estivera algo parado, pero parece que volve». Non lle desgusta o formato de ensinanza e celebraría unha escola de regueifa na que se anoten aqueles e aquelas con verdadeiras inquedanzas: «Que o que esté queira estar». Porque os regueifeiros, concorda Antonio, non se fan dun día para outro, e a non todos lle é innata a maña: «Se un oficio se aprende traballando, a regueifa perfecciónase practicando, e primeiramente está iso, empezar». Os seus inicios foron así, en taberna, uns cos outros, facendo rima, sumando coplas, «desenvolvendo cerebro». Vén cargado de ánimo para o sábado: «O que máis me interesa, porque nós xa temos unha idade, é darlle ánimos e confianza aos novos, que sigan e non deixen á regueifa de lado».

.

Algo de nervios recoñece pola súa banda O Rabelo, nacido en Pontevedra, con 30 anos e afincado en Cerdedo, Terra de Montes. Tenlle ganas a esta cita á que non puido acudir no 2021 por cuestión de saúde: «É unha boísima escusa para xuntarme con xente a regueifar. Aos maiores de Bergantiños non os coñezo e creo que haberá bastante xogo». Cun disco na rúa dende abril do ano pasado, traballa noutro no que, di, haberá moita copla, como tamén hai moita improvisación nos seus concertos. Entre «o tradi», o rap, as batallas de galos e a regueifa aínda ve O Rabelo «unha fenda», porque faltan referentes que se movan por todos estes apartados. El trátao. Sabe que vén a bo sitio: este 2022 impartiu un taller de regueifa en Carballo para 50 nenos de catro anos e resúmeo de forma moi clara: «Foi xenial».

Bieito Lobariñas e Lupe Blanco
Bieito Lobariñas e Lupe Blanco BASILIO BELLO

Os de arriba e os de abaixo

«Contento e disposto, porque alá onde haxa regueifa basta que me chamen» é como acude Bieito Lobariñas, nado en Vigo, pero con toda a súa raiceira en Crecente. «Temos moi clara cal é a regueifa e nós non llo podemos explicar aos de Bergantiños, pero os do sur somos baralláns e levámola tamén a outro campo de forma espontánea», avanza dende a influencia do seu lado gaiteiro. A modalidade certame non é a súa preferida, mais todo o que poña a improvisación oral no centro é do seu agrado. «Nunca escoitei falar tanto de regueifa. Cando eu comecei case nin sabía o que era, tiven que verme no allo e empezar a contactar...», lembra. Petou, como non, na porta de Bergantiños, aínda que logo conviviría máis con voces como as de Pinto d’Herbón, Caruncho ou Josinho da Teixeira.

Mani Braga
Mani Braga

«Lupe Blanco ou Suso de Xornes son máis ortodoxos, moi da melodía de Bergantiños, pero os de abaixo somos máis teatreiros, máis de show e espectáculo», dá pistas Mani Braga, o sexto dos RegueiAstros para estes Premios do sábado. Cociñeiro en Vigo, estudou «por casualidade» Arte Dramático e achegouse á regueifa da man de talentos como Josinho. Ten vido á comarca algunha vez, sabe que é «berce», e tamén «que os de aí son bravos, arrean dende a primeira copla». Por iso, «hai que pórse as pilas», pero vir sen nada: «Copla que prepares, esa non sae». Xa o dixo Lupe: todo sorpresas.

Modalidade RegueiAstros

As parellas conformaranse mediante sorteo en directo. Haberá tres voltas. A primeira, modo controversia por parellas, con melodía de Bergantiños. A segunda, individual, cun tema do xornal que designe o xurado (6 coplas, melodía libre). A terceira, co chamado arranque forzado.