Maruxa Suárez: «A regueifa é unha forma de darlle pulo á nosa lingua e de facelo ademais dende a festa»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCI

ENTREVISTA  | Logo da boa acollida da edición inicial, cre e espera que os Premios Galegos da Regueifa promovidos por La Voz de Carballo sigan perdurando no tempo. Así fala a edila de Normalización Lingüística 

03 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Comezou o 2023 e o novo ano trae interesantes propostas culturais á comarca. Este sábado 7 de xaneiro, ás seis da tarde, no Pazo da Cultura de Carballo, celebrarase a segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa, un festival promovido por La Voz de Carballo, co apoio da Consellería de Cultura, o Grupo Calvo e o Concello carballés. Entre os obxectivos, reivindicar a regueifa como elemento cultural identitario de Bergantiños e, ao mesmo tempo, a través dela, poñer en valor a lingua galega. Falou onte Radio Voz Maruxa Suárez, concelleira de Normalización Lingüística de Carballo.

—Feliz ano. Con que ánimo arrinca o 2023 na concellería de Mocidade, Normalización Linguística e Festas? Xa plena normalidade?

—Si, agora mesmo si. Arrincamos con normalidade, digamos que nunha situación prepandemia. Sacando gripes e demais, que este ano veñen con forza, ímola virando, como se di.

—Os comezos de ano sempre traen retos novos, pero se algo funciona, para que cambialo. Como viu a primeira edición dos Premios Galegos da Regueifa?

—Moi ben, é unha proposta moi acaída para esta zona. Bergantiños é o berce da regueifa, e por tanto o lugar ideal para acoller esta gala. O ano pasado, aínda en pandemia e con importantes restirccións, tivo moi boa acollida, así que esperamos que nesta segunda edición vaia aínda mellor.

—Dicía o ano pasado por estas datas que, se somos capaces de implicar á xuventude, pode ser que a regueifa perviva. Pasados doce meses, como ve o panorama?

—Mellor, porque ademais comezamos tamén con outras iniciativa que calaron moi ben no alumnado de Carballo, e no profesorado tamén. Queremos e cremos que incluso se van implicar algunhas asociacións, así que penso que estamos no camiño. Imos pasiño a pasiño, pero imos ben.

—Máis de xuventude e de futuro. Facíanse públicos ultimamente datos alarmantes sobre o retroceso no uso do galego. A Costa da Morte parece resistir, pero aínda así non se pode baixar a garda. Como ve a situación e como poden axudar iniciativas como esta da regueifa?

—Non querería pensar que estamos nunha situación preocupante, pero obviamente temos que ter en conta a realidade na que vivimos. Non se poden perder máis falantes. Teño moita esperanza posta, e creo que xa o dixen nalgunha ocasión, nos chamados neofalantes, xente que non empregaba a nosa lingua de forma habitual, pero que de repente o seu cerebro fai clic, di ‘ata aquí’ e comeza a ver que o galego é a súa lingua, e que hai que facer por poñela en valor, por que non esmoreza. Así que iniciativas como estes Premios Galegos da Regueifa, que ademais recuperan tradicións que son de moitísimos anos, son unha forma de facelo, de rescatar todo isto... e ademais é algo moi divertido! Unha forma de darlle pulo á nosa lingua e de facelo ademais dende a festa. Con estas bases, creo que é unha proposta que por tanto pode perdurar e que pode facer por mellorar o número de falantes.

—Dicíao Manolo Maseda, un dos membros do xurado, este pasado venres. O que veremos o sábado vai ser un espectáculo.

—Si, si, totalmente. A regueifa a min gústame moito, e gústame por algo moi particular. Creo que as persoas que fan regueifa han de ser xente moi avispada, xente moi rápida, capaz de virar a tortilla nun momento, xente cunha capacidade mental altísima. E todo isto rimando, non é simplemente ter pericia para responder ou para facer un chascarrillo. Moito menos dun minuto! Algo loable.

Carme Pereiro, á dereita, o día da súa presentación como técnica de normalización de Carballo
Carme Pereiro, á dereita, o día da súa presentación como técnica de normalización de Carballo ANA GARCIA

O Concello recuperou no 2022 o Servizo de Normalización Lingüística, coa técnica Carme Pereiro ao fronte. Un motivo para celebrar, porque xa foron moitas as actividades impulsadas.

—Certo. Grazas a Carme o servizo colleu carreiriña e vai moi ben. Puidemos retomar actividades que xa se levaban a cabo co anterior técnico, con Nel, algunhas delas nacidas precisamente aquí en Carballo. Traballa moito, ben, é unha persoa con moita capacidade e con moita iniciativa.

—Carballo é, precisamente, un dos concellos que impulsan a iniciativa Enreguéifate. E dicía a regueifeira Lupe Blanco hai un tempo que, ademais, é o concello con máis obradoiros de improvisación oral, mesmo na etapa de infantil. Parece un sinal de apoio a esta arte de improvisación.

—Exactamente, participaron neles 261 alumnos e alumnas este ano, ademais do profesorado. O feedback que nos chega é moi bo, parece que lles gusta, así que será para seguir repetindo.

—Que agarda da segunda edición destes Premios Galegos da Regueifa? Xa se animaría a subir ao escenario nesta ocasión?

—[Ri]. Se teño que subir, subo, pero o de regueifar, xa... Nestes Premios hai moito nivel, non é como se nos puxeramos a regueifar ti e máis eu, que ao mellor non habería problema... Pero bueno, non me vexo... Sería un brete.

—Por empezar o ano con soños e sabendo que Bergantiños soubo conservar esta tradición... Algunha vez pensaron en crear unha Escola Municipal de Regueifa?

—De momento non, pero anotareino no meu caderno de cousas que se poden facer. Igual unido a algo de cultura ou de teatro, podería estar realmente ben.