«A regueifa non é tan distinta ao rap, e por aí prendes aos mozos»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A coristanquesa Lupe Blanco, no instituto Monte Neme
A coristanquesa Lupe Blanco, no instituto Monte Neme Ana García

Colexios e institutos de Carballo están a acoller obradoiros de improvisación oral dentro da iniciativa Enreguéifate, una aposta, tamén, pola lingua galega

02 ene 2023 . Actualizado a las 20:37 h.

Entre a pasada semana e esta que transcorre (concluirán o venres) están desenvolvéndose en centros educativos de Carballo os obradoiros de regueifa da iniciativa Enreguéifate. Onte mesmo, no instituto Monte Neme, impartiron nocións a coristanquesa Lupe Blanco, en calidade de formadora, e Nuria Penas, desas novas fornadas de mozos que se van animando coa improvisación oral.

Había tempo que Blanco non dirixía estas propostas en Carballo, en tanto que co parón do Servizo de Normalización Lingüística, produciuse unha pausa. «Carballo participou sempre en proxectos colaborativos nos que é requisito imprescindible que exista un SNL con persoal técnico traballando, así que xa puidemos sumarnos a iniciativas colectivas como Youtubeiras ou Enreguéifate e continuar co proxecto Apego», avanzaba a nova técnica, Carme Pereiro, a comezos deste mes de novembro. Ademais de Carballo, promoven e participan de Enreguéifate os concellos de Ames, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Bergantiños é berce de regueifa e Carballo tamén marca unha diferenza, pois segundo conta Blanco, non só é o concello que participa con máis obradoiros, senón que ata os hai en nivel infantil. Mágoa, ri, que non lle tocasen a ela. Dende aí ata bacharelato, repartidas as sesións no CEIP A Cristina, IES Monte Neme, CEIP Fogar, IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas e colexio Bergantiños.

Nuria Penas, onte, no Monte Neme
Nuria Penas, onte, no Monte Neme ANA GARCIA

Fanse os talleres por parellas, cun formador e cun talento de nova incorporación: no caso dos primeiros, Lupe Blanco, Josiño da Teixeira e O Rabelo; no dos segundos, Nuria PenasLorena Medela, Cristian de Burela e Xairo d’Herbón, fillo de Pinto d’Herbón. Dende finais de outubro, detalla Lupe, non pararon nin un só día, xirando por municipios e parroquias, tamén da man dun proxecto de regueifa que ten en marcha a Deputación de Pontevedra. Festexa poder repetir nos últimos anos en varios centros, e ver «que se acordan de ti ou que traballaron algo niso». Ve un gran cambio dende o comezo ata o día de hoxe, e polo percibido estas xornadas en Carballo, a que foi flamante gañadora dos primeiros Premios Galegos da Regueifa promovidos por La Voz, acredita que os rapaces van perdendo medo escénico, que lles fai «graza» compoñer e improvisar as súas coplas e mesmo senten «orgullo» de saber a súa terra orixe desta disciplina.

Lupe Blanco, con Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia
Lupe Blanco, con Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia BASILIO BELLO

Asegura que o ser galegofalantes lles facilita moito o traballo, que a súa improvisación é máis fluída e, indo máis alá aínda, que se está a facer un traballo «potente» na divulgación da regueifa: «Agora chegas a un instituto e xa te coñecen, xa lles soas, porque hai máis obradoiros, porque te ven máis polas redes... A regueifa non é tan distinta do rap que eles escoitan, e no caso dos mozos é por onde os prendes». Tamén o profesorado se involucra e estas coplas mesmo teñen servido, como no Monte Neme, para tratar temas como o 25N. Con todo este traballo de preparación, centros educativos e tamén público xeral poden concorrer a outro dos apartados de Enreguéifate, un certame con varias modalidades: regueifa máis brava, máis aguda, mellor cantada, máis simpática... Medirse en posibilidades ten o seu aquel e quen queira facelo ten o prazo aberto ata o vindeiro mes de marzo: bases en enregueifate.gal.