Alberto Varela Ferreiro: «O cómic pode aportar moito nas aulas»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

GENTES DEL FINIS TERRAE | O ilustrador e deseñador gráfico carballés vén de publicar «Plus ultra. Transición ao futuro»: historia da Transición en Galicia e banda deseñada. Coma sempre, tamén comarca. Trae os protagonistas, por exemplo, á feira de Carballo na que houbo manifestación polas marismas de Baldaio, ano 77 

23 nov 2022 . Actualizado a las 17:49 h.

É o outono tempo de novidades literarias. Alberto Varela Ferreiro (1963), carballés, ilustrador e deseñador gráfico, ten xa na rúa unha nova obra: Plus ultra. Transición ao futuro. Desta volta, ofrécenos unha viaxe a tempos de Transición dos que, di a publicación, todos «somos herdeiros».

—Volve enlazar historia e cómic.

—Si, é un terceiro título que saco en Xerais, unha pequena colección na que quixen orientar un pouquiño a banda deseñada cara o ámbito escolar, pensando nos rapaces. Paréceme interesante o moito que pode aportar o cómic nas aulas. É indubidable que supón un primeiro paso cara a lectura.

—Por que a Transición?

—Son 112 páxinas dirixidas a ún público sobre todo xuvenil. Intentei facer un cómic de aventura clásico, que tivese escenarios o máis variados e atractivos posible. Por que a Transición? Foi como un reto persoal. Tiña en mente outra etapa, pero logo escollín esta, clave na historia de España. Un cambio de réxime, da dictura á democracia, e no medio un montón de cousas das que non hai nin moita literatura nin, sobre todo, cómics. Quixen facelo, ademais, dende o punto de vista de Galicia. Os protagonistas percórrena nun Simca 1100 e van vendo como está o país, que problemas ten, van vendo as obras dunha nova autoestrada, vilas nas que se derriban edificios vellos e se constrúen outros novos, montes convertidos en plantacións de eucaliptos cun problema que non había antes... [incendios forestais]. O protagonista é un dos primeiros emigrantes galegos a Suíza, a principios dos 50: cando volve aquí atopa unha paisaxe totalmente nova. Un momento clave na historia e, como di o título, unha transición ao futuro. Agora parece que estamos repetindo esa historia: volviu a Guerra Fría, a crise económica derivada dos problemas de enerxía [daquela co petróleo e hoxe co gas...], temos inflación... Unha incertidume, coma naquela época.

—A obra ten algo así como unha estética futurista, pero viaxa ao pasado. É algo buscado?

—Si. O protagonista é un ufólogo, unha especie de meigo que herda poderes da súa avoa, curandeira. En Suíza coñece o ambiente relacionado coa ufoloxía, cunha sociedade que empeza a crer en esoterismos e historias alternativas. Os ovnis estaban case todas as semanas nos periódicos.

—¿Inspirouse en alguén para este emigrante, Pepe Pardiñas?

—Tiven as miñas referencias en algún personaxe daquela época. Non dos 70, senón de algo máis tarde, eses personaxes relacionados co esoterismo e co paranormal. Eran bastante frecuentes nos medios de comunicación.

—Falamos de feitos históricos, e algúns ben tristes, pero aí está o seu enfoque de humor. Unha cousa non quita a outra, non?

—Claro que non. Quixen precisamente darlle protagonismo ao humor. Xa o tema en sí ten a súa parte dramática, porque dentro do pacífico que ao final resultou esta etapa, puido non ter sido así: represión do réxime franquista, atentados de grupos extremistas, intentos de golpe de Estado... Ese humor é sobre todo pensando no público xuvenil, pero en realidade en todos, porque tratei de facer unha obra que poida ler todo o mundo a raíz destes dous personaxes: Pepe e a súa filla Laura. El ten un pensamento máxico, obsesionado cunha invasión extraterrestre, e ela é unha estudante de Medicina moito máis apegada á terra, aos problemas sociais e políticos, ao presente, preocupada pola ecoloxía. En Carballo, por exemplo, van á feira en plena manifestación sobre as marismas de Baldaio, 1977. Dúas visións.

«Wolfram» foi unha das súas últimas obras. Nela, o Monte Neme. E polo glosario desta nova publicación, tamén hai comarca. Están as revoltas de As Encrobas e Baldaio... Tíralle a terra.

—Por suposto. Neste caso, particularmente, tiña as miñas propias lembranzas persoais. No 75 eu tiña 12 anos. Desa manifestación da que falabamos acórdome perfectamente, estiven presente. Chegamos contra o final, xa se estaba disolvendo, pero cargaron a culatazos, a min impactoume. E volvendo aos ovnis, un dos primeiros libros que merquei foi Pero estuvieron aquí, extraterrestes nas antigas civilizacións. Nisto se basea ademais outro dos personaxes.

—Parécelle que a banda deseñada gaña terreo para adultos?

—Si, semella que se está a poñer de moda ou que ten un novo florecemento. Quizais vén un pouco pola crise do libro, que se buscan formatos polos que apostan máis as editoriais. Reivindican máis o libro como obxecto ao incorporar ilustración... Un artefacto apetecible de ter nas mans. Con boas fotografías, boas edicións... Logo están os tempos nos que vivimos: cada vez a xente se comunica máis con imaxes e con textos curtos, tamén pola cantidade de audiovisual que consumimos.

—Que lle resulta máis complexo? Ilustrar textos doutros autores ou crear e ilustrar guion propio?

—Máis que o de ser debuxante, atráeme o tema da autoría. Disfruto no proceso de crear e escribir ese guión, para logo transformalo e traducilo en imaxes.

—Algo da comarca entre mans?

—Levo Carballo no corazón e todo o que fago garda algunha relación coa vila e coa comarca, mais agora mesmo ando traballando nun álbum para nenos, un conto ilustrado da miña autoría.