«Plus ultra: Transición ao futuro», o novo libro de Alberto Varela

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

O carballés volve traballar coa banda deseñada para abordar acontecementos históricos. Neste caso, situados na Transición

22 nov 2022 . Actualizado a las 18:57 h.

«A historia sempre me interesou. E o cómic paréceme que é un xeito moi interesante de dar a coñecer unha serie de acontecementos históricos que non se coñecen moito a nivel xeral», dicía o carballés Alberto Varela Ferreiro hai cousa de tres anos. Ten nova obra na rúa: «Plus ultra: Transición ao futuro» (Xerais), unha proba destas súas palabras iniciais.

«Os anos 70 son o final do réxime franquista, aínda que as súas inercias se van prolongar moito máis tempo», conta o encabezado. Arrancan no 1975 as primeiras etapas da Transición. De novo cunha linguaxe de banda deseñada e cunha «ollada dende a diversión e o humor», Varela tenta achegarse a este «interesante e difícil período histórico do que somos herdeiros». Velaí a o fío: Pepe Pardiñas, emigrante galego retornado de Suíza con coñecementos do mundo da ufoloxía e do paranormal, en pleno debate político entre reforma e ruptura, será quen de albiscar como pode ser o futuro de Galicia e da humanidade. Incorpora o libro na súa derradeira parte unha interesante cronoloxía e glosario: neste, peso da comarca, dende a chamada Escola do Ferrado, ata as revoltas das Encrobas ou Baldaio no 1977.