«Se queremos diferenciarnos, a mellor maneira que temos é a lingua»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Carme Pereiro, á dereita, o día da súa presentación como técnica de normalización de Carballo
Carme Pereiro, á dereita, o día da súa presentación como técnica de normalización de Carballo ANA GARCIA

Carballo recuperou o Servizo de Normalización Lingüística. Estes son os eixos de traballo e os vindeiros proxectos 

17 ene 2023 . Actualizado a las 19:58 h.

«Se queremos diferenciarnos en algo, a mellor maneira que temos é a lingua. A lingua é algo único». Carme Pereiro Felípez, nova técnica de normalización lingüística de Carballo, pronunciou estas palabras na presentación das propostas nas que, dende o mes de xullo, data da súa incorporación, está a traballar este servizo no Concello de Carballo. Foi, tamén, a súa propia presentación oficial: «Carballo está contento de recuperar o SNL», indicou a alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, quen quixo ter palabras de agradecemento para o precedesor de Carme, Nel Vidal: «Un pioneiro, unha persoa con inquedanzas, que fixo aquí un traballo exquisito». Era «unha débeda», apuntou, retomar este servizo «transversal», probablemente o máis transversal de todos, un carácter no que tamén incidiu a edila Maruxa Suárez: «Carballo é dende hai anos un concello preocupado pola lingua, pola súa posta en valor», asegurou, celebrando a «boa nova» que suporá este pulo para Normalización.

«Asume tarefas xerais propias dun servizo lingüístico como asesoramento, seguimento e deseño en materia lingüística, ao tempo que inicia unha toma de contacto coa realidade lingüística da contorna. Carballo participou sempre en proxectos colaborativos nos que é requisito imprescindible que exista un SNL con persoal técnico traballando, así que xa puidemos sumarnos a iniciativas colectivas como Youtubeiras ou Enreguéifate e continuar co proxecto Apego. Para o ano que vén temos previsto colaborar no Curso de verán Traballando en lingua da Universidade da Coruña. Por outro lado, estamos tramitando a nosa adhesión á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega», avanzou Carme.

ANA GARCIA

Youtubeiras

Carballo asume a coordinación dunha iniciativa na que participan 12 concellos, as tres universidades e a Deputación. Vai pola sexta edición, desta volta co lema Para rede, a nosa! «Non é só un certame ao que se poden presentar maiores de 14 anos que teñan unha canle cun mínimo dun vídeo subido a partir do 22 de outubro de 2021, senón que comprende formación, encontros, conversas, artigos... O prazo está aberto ata o día 15», dixo.

Enreguéifate

Certame de difusión da improvisación oral en verso, do que forman parte outros catro concellos e no que colaboran os centros educativos. Ademais do concurso, houbo formación para profesorado e acaban de comezar os obradoiros dirixidos a centros escolares. En Carballo, CEIP A Cristina, IES Monte Neme, CEIP Fogar, IES Parga Pondal, IES Alfredo Brañas e CEIP Bergantiños, con sesións impartidas por Lupe Blanco, Cristian, Josinho, Nuria, Lorena, O Rabelo e Xairo. O prazo para participar no certame estará aberto desde o 10 de novembro ata o 10 de marzo de marzo de 2023.

Ana Garcia

Apego

Programa dirixido a familias con crianzas menores de 6 anos para fortalecer o arraigo coa lingua. Dende xullo inscribíronse unhas 30 familias novas que acaban de ter un bebé e que sumadas ás anteriores supoñen 283. O 23 de decembro haberá Festa de Apego na Rego da Balsa.

De xeito individual, o SNL carballés distribuíu adhesivos pensados para as axendas escolares do alumnado, dentro da campaña Pégate ao galego. Neste momento, doutro lado, estanse a impartir clases preparatorias de probas Celga no Fórum. Tamén está en marcha a elaboración do almanaque do Concello e, de cara ao 2023, promoveranse accións para hostalaría ou o comercio. Quérese continuar, asemade, co Premio a artigos xornalísticos normalizadores.

Carme Pereiro Felípez
Carme Pereiro Felípez ANA GARCIA

«A lingua é un piar da educación, da vida cotiá, e da comunicación, non só insitucional», incidiu Lantes. Chamou a «crer nela», a desbotar prexuízos, como fixo Carme: «O galego ten saídas. Non é unha eiva». Ela lembrou o papel «importantísimo» das institucións, e particularmente das locais, na promoción do idioma. Malia os neofalantes, o galego mingua, aínda que Pereiro está convencida de que á mocidade lle falta «só isto» (xesto aludindo a un chisco) para dar o golpe na mesa e dicir ‘eu aposto polo noso’».