Xosé A. Touriñán: «No teatro si interesa ir a asuntos incómodos»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Sandra Alonso

ENTREVISTA | «Recortes, caneos e outras formas de driblar», do CDG e Ainé, pecha hoxe o FIOT: 21.00 horas, Pazo da Cultura. Todas as entradas esgotadas para esta peza de 90 minutos sobre a outra cara do fútbol 

31 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou o día. Logo do Silencio de onte a cargo de Blanca Portillo, a 31.ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) chegará esta noite á súa fin coa derradeira función de sala. De novo, entradas esgotadas. Gozarán os espectadores (21.00) de Recortes, caneos e outras formas de driblar, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) e Ainé, dirixida por Tito Asorey. «Desexando subir ás táboas do FIOT, que sempre é un gusto», dicía este venres en Radio Voz Xosé Antonio Touriñán [entrevista completa en Voces de Bergantiños]. El, ademais dun dos intérpretes, é un dos responsables de produción executiva. Logo do enorme éxito da estrea en Compostela, a obra inicia en Carballo, precisamente, a súa xira.

—Produción executiva?

—En lugar de poñer liante, ou o que non lle para a cabeza e conquista á mesma xente para recuncar, porque é o mesmo elenco de Fariña... [ri]. Con Fariña saíron agora algunhas funcións máis no circuíto nacional, pero o certo é que traballamos tan a gusto e o pasamos tan ben, que había que continuar. Chámalle produción executiva, comisión de festas...

—Bergantiños élles casa.

—Para min si, dende que comezamos hai xa unha chea de anos con aquelas Mucha e Nucha... Nunca deixamos de estar presentes. É casa, desde logo, e se non propia, desas de familiar, de ir á festa.

—Noventa minutos para falar da outra cara do fútbol. ¿Cal é e por que levar o fútbol ao teatro?

—Igual é un pouco culpa miña, e tamén de Nacho Carretero, os dous somos moi afeccionados. El vai sacar un libro sobre historias persoais e non tan bonitas do mundo do fútbol: apostas, lesións, orientación sexual, presións... En Fariña usamos o seu texto para levalo aos táboas, e desta volta quixemos facer algo parecido. Teatro documento, pero mesturado co que nós facemos habitualmente, show, espectáculo... O fútbol de espectáculo ten moito e aí podemos ir colando esta parte máis escura, menos contada, que non lle interesa ao negocio do fútbol, pero que aos que facemos teatro si. Interésanos ir a lugares e asuntos máis incómodos, por máis que non é unha obra contra o fútbol. Ten esa parte, pero tamén está a paixón que nos fai sentir aos que nos gusta... É unha viaxe por eses sentimentos a nivel persoal e por esas historias. Innovamos: primeiro a obra de teatro e logo o libro.

Sandra Alonso

—E non é só fútbol.

—Non, a trastenda é tan ampla que saen moitos outros temas, e logo todo isto enmarcado nunha comedia musical en directo. Xuntamos un elenco de xente que nese campo sons un fenómenos (...) Unha obra para o que lle guste o fútbol, para o que non, e diría que incluso para aquela xente que crea que non lle gusta o teatro.

—Impón pechar o FIOT?

—Coma se foramos de primeiros, ou de terceiros, porque a programación do FIOT é cada ano mellor. Actúas onde actúan os mellores deste país, é unha praza onde dá felicidade e moito orgullo estar. Só con ir hai presión, presión bonita.