Radiografía dun espectáculo | Sobre «Conferencia espectacular»

santi pazos

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

CRÍTICA TEATRAL | Por Santi Pazos | David Espinosa fai todo iso que María Casares parece detestar. E non o fai despois do propio acto teatral...

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas súas memorias, di María Casares que, se despois dunha representación se discute, diseca, explica e etiqueta o fenómeno teatral ao que se acaba de asistir, entón parécelle absolutamente inútil que tivera lugar. Eu supoño que se refire á actitude que ha de ter unha profesional para convivir consigo mesma sen martirizarse ou vangloriarse, non á reflexión necesaria dun público crítico que eloxia ou vitupera ese espectáculo que acaba de ver. En Conferencia espectacular, David Espinosa fai todo iso que María Casares parece detestar. E non o fai despois do propio acto teatral, senón que utiliza como tema do propio espectáculo a análise de varios estilos de teatro de vangarda dende unha perspectiva pedagóxica.

Non hai actor, aínda que si dramaturxia. Non hai teatro, porque practicamente toda mensaxe é transmitida a través dunha cámara e unha voz pregravada, aínda que si intuímos certa intencionalidade escénica. E non hai personaxes por moito que a memoria e o discurso teñan coherencia, por un lado haxiográfica e por outro un tanto burlesca. Aí quedan as interpretacións de Café Múller cunha Pina Bausch convertida en princesa de Disney, o Els Joglars como os sete ananiños do conto. Dous exemplos do que o autor chama creación contemporánea e que a min me resultaron pouco maduros. Si, tamén é certo que logo falou de Artaud, de Brossa...

Xa sei que no OTNI cabemos tod@s. Adoro esta sección do FIOT. Recordo Cinema Sticado e a esa estupenda Macarena Recuerda. Son estilos que xorden nese borde que debe existir entre disciplinas converxentes, teatro, cine, circo, contos e todo tipo de verborrea. Non serei eu quen defenda ningún tipo de pureza, pero non deixa de ser un debate necesario.

Cando o venres, despois desta función, sendo en xeral agradable de ver e de escoitar, sentinme un pouco decepcionado, ao escoitar os meus comentarios un amigo colaborador do FIOT díxome que seguramente tiña eu un mal día. E podía ter razón. Mais os que me ledes podedes estar tranquilos, cando escribo estes comentarios nunca me deixo levar polas baixas paixóns. Parece que o esqueleto non era o teatro, senón eu mesmo intentando seguir respirando.

Saúde e larga vida…