Berrobambán leva a Carballo o seu proxecto vivencial «Facer memoria»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

.

Conduce a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira

03 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Berrobambán leva hoxe a Carballo a segunda temporada de Facer memoria, un proxecto escénico e vivencial no que se desdebuxan os lindes entre escenario e patio de butacas, de xeito que se lle brinda voz ao público para que participe e conte as súas lembranzas. A iniciativa, que conduce a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira, desenvolverase no marco do Fiot (Festival Internacional Outono de Teatro). A montaxe parte da tradición oral, da creación comunitaria e da descuberta colectiva para desenvolver un proceso teatral que desemboca nun encontro-espectáculo no que a veciñanza intervén sobre as táboas. «Os obxectivos principais —explica a compañía— pasan por coñecer a historia dos lugares que habitamos e a nosa contorna directa, recuperar a memoria oral, conservar a lingua e darlle valor á memoria individual como paso previo para reconstruír a colectiva. Para acadar estas metas, establécense sinerxías e técense redes de colaboración con asociacións e entidades locais dos diferentes concellos polos que a función está a xirar».

Facer memoria desenvolverase nas parroquias carballesas de Oza e Berdillo dende hoxe ata o próximo domingo.