Uxía: «Empecei a miña carreira en Carballo»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

A REMOLLO | A artista musicou e interpretou no propio Dombate o poema que Pondal lle dedicou ao dolmen

01 ago 2022 . Actualizado a las 01:36 h.

Uxía cantou o venres en Carballo, dentro do programa Verán Cultural do Concello, ao que chegou con Javier Ruibal e con Da túa á casa á miña, unha conexión musical entre Lorca e Rosalía. «Eu era moi noviña, estaba estudando Filoloxía en Santiago e presenteime no Festival da Canción de Bergantiños. Gañei o primeiro premio e así empecei a miña carreira en Carballo», lembra sobre a súa primeira vez na localidade. Uxía (Mos, 1962) é máis das Rías Baixas que da Costa da Morte, pero o seu traballo tena traído moitas veces por aquí. Tamén ten cantado a Pondal en Dombate, o que case a converte en veciña da zona, aínda que sexa só co pensamento.

Uxía e Ruibal, este venres, en Carballo
Uxía e Ruibal, este venres, en Carballo ANA GARCIA

—Foi esa a súa primeira vez na Costa da Morte?

—Non, foi a primeira a nivel profesional. Na carreira tiña unha amiga de Carballo, co que xa coñecía o pobo doutro xeito.

—Veu ao San Xoán?

—Faciamos máis vida compostelá, pero si que vin en ocasións sinaladas. Eu nacín en Mos, pero o centro da miña vida está nas Rías Baixas, que é moi diferente a isto. Esta costa é moito máis brava, aínda que alí hai unha calma relativa. Paso a maior parte do ano na Illa de Arousa, pero gústame moito esta zona, máis salvaxe, coas súas lendas e naufraxios. Aquí sempre hai algo máxico.

—Cal foi a última vez que estivo por aquí?

—En Cabana, en febreiro deste ano. Cantei en Dombate. Mentres faciamos tempo para a actuación no camarín fixemos un himno dedicado ao dolmen. Mais ben puxémoslle música ao poema de Pondal, o meu guitarrista Sérgio Tannus e eu. Foi moi emocionante. Queriamos gravalo pronto.

Uxía, cantando en el dolmen de Dombate
Uxía, cantando en el dolmen de Dombate ANA GARCIA

—Xurdiu así, sen máis?

—Eu xa coñecía o poema e foi antes da primeira actuación, co que o repetimos dúas veces. Tamén cantei a Rosalía no colexio das Revoltas. Para min Cabana é un lugar moi especial. Dá a casualidade de que a técnica de cultura, Silvia Losada, tamén se presentou a mesmo certame que eu en Carballo, aló por 1985.

—É habitual que compoña nas esperas, mentres agarda?

—No meu caso si. Na propia televisión levo a guitarra porque son horas de estar agardando e deste xeito fas algo útil. No caso de Dombate foi moi doado e ademais fíxolles moitísima ilusión.

—Só ven á zona a traballar?

—Mezclo todo. En Muxía namoreime do poema de Rosalía de Castro sobre a romaría e canto o Alalá de Muxía de Rivadulla Corcón, que é moi especial. Teño moita relación, porque fun voceira do Nunca Máis e de Burla Negra, co cal vin moitas veces a Muxía. Veño sempre que podo, pero non me coincide tanto como querería. Aproveito o traballo para dar un paseo por aí, vendo o que me parece máis interesante só por pracer. No meu caso o Prestige foi moi importante, esas imaxes téñoas moi presentes.

BASILIO BELLO

—A súa costa é moi distinta.

—Completamente, e precisamente por iso esta me resulta tan atractiva. É outro tipo de mar, aberto, máis bravo. Creo nas habilidades da natureza para que aquí haxa estas praias.

—Non ten intención de pasar simplemente uns días de descanso?

—Creo que si é algo que debo, é hora de quedar aquí unha tempada. Teño moita relación con Rosalía Fernández Rial e con ela vou aprendendo algo deste territorio.

—E Fisterra?

—Hai pouco estiven cantando polo vinte aniversario do Prestige. Tamén dei largos paseos nun lugar máxico. A verdade é que nunca fixen o Camiño, pero se o teño que facer será desde Compostela ata Fisterra e Muxía.

—Como sería o seu verán ideal se non tivera que traballar?

—Viaxando. Son moi de bañarme no mar, coñecendo novas zonas. Teño que vir máis pola Costa da Morte porque boa parte dela é unha descoñecida para min. Algún día vou quedar un tempo...

Uxía, nomeada Boa e Xenerosa no Couto, ano 2017
Uxía, nomeada Boa e Xenerosa no Couto, ano 2017 Ana Garcia

—Daquela vostede é de praia.

—Si, pero na primavera, ou cando o verán vai rematando. É certo que son moi de mar e que o meu corpo séntese a gusto. Na miña música tamén hai moitas referencias aos amores de verán, á praia e ao solpor.

—É de amores de verán?

—Lembro aqueles de nova, cando coñecías algún deses amores que sabías que sería efémero e sempre o asociabas á praia a ao sal.

—De solpores ten que coñecer o de Touriñán.

—Tiven a oportunidade de velo hai moitos anos. Iso é como ir a San Andrés de Teixido, practicamente obrigatorio.

Máis a fondo...

Canto hai que non come sardiñas con cachelos? Encántanme as sardiñas, morro por elas. Non hai moito cominas en empanada. E os cachelos gústanme moito con mojo picón.

Onde está o cemiterio dos ingleses? Lin varias cousas de Manuel Rivas sobre iso, pero non recordo o lugar. Camariñas? Si, claro.

O único lugar do mundo no que un río desemboca en cascada? Estou quedando fatal. Na Costa da Morte tedes moitas cousas das que presumir. En O Ézaro? 0 Xallas? É certo.

Percebe de Corme ou longueirón de Fisterra? Son moi fan do longueirón, pero o percebe de Corme é moi especial. Aí non podo escoller.

Dígame uns versos de Pondal. Os do himno, por exemplo. «Que din os rumorosos na costa verdecente, ao raio transparente do prácido luar?». É o único himno que comeza cun interrogante.

Bañouse na Praia dos Cristais? Coñézoa, pero nunca fun. Precisamente Burla Negra, da que eu formei parte, naceu en Laxe, pero eu non estiven nesa primeira reunión.

A catedral do megalitismo? Dombate. Cantei alí no dolmen. Mentres esperabamos, Sérgio Tannus, o guitarrista que me acompaña, e máis eu, musicamos parte do poema de Pondal e estreámolo alí. Calquera día temos que gravalo.

O mellor solpor? Pode ser que sexa o de Fisterra, pero o que eu máis lembro é o de Touriñán.