A «plic!» de Carballo deixou un dos niveis de vendas máis altos en 15 anos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Balance da Praza dos Libros | Un señor elegante, de Suso de Toro, e Flores de ferro, de María Rei, foron os libros máis demandados polo numeroso público

13 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Praza dos Libros de Carballo, rebautizada neste retorno do 2022 como «plic!», e celebrada esta pasada semana, deixara xa moi boas sensacións nos libreiros, mais faltaban os datos. Xa os hai. Case 1.300 exemplares vendidos, máis da metade deles de literatura galega. Son dos niveis máis altos en 15 anos e, para o Concello, proba tamén de que a escrita galega saíu reforzada, non só entre o público adulto, senón tamén entre o infantil, xa que entre os máis pequenos trunfou Extra!, de Paco Nogueiras. Un señor elegante, de Suso de Toro, e Flores de ferro, de María Rei, foron os libros máis demandados polo numeroso público da Praza, circunstancia que valoran como outro «éxito», ligada á asistencia ás actividades programadas, tanto as propiamente literarias como as musicais ou de danza. Unhas e outras dinamizaron catro días de «plic!», aspecto que quixo destacar o edil de Cultura, Marcos Trigo, e mais aínda tendo en conta as altas temperaturas rexistradas en xornadas coma a do sábado ou a do domingo.

«E todo en perfecta harmonía co mercado do xoves ou a feira do domingo, que unha vez máis volveron integrarse entre as casetas dos libreiros, as mesas dispostas para as sinaturas dos autores e os obradoiros infantís, que tamén os houbo», valorou o Concello no seu comunicado. Ao longo dos catro días de Praza, foron unha trintena delas, inauguradas co pregón de Xan Fernández Carrera. Como é habitual, tanto o xoves coma o domingo foron os días de maior afluencia. Así, as latas de atún Calvo que se entregaban na primeira xornada, e os moletes de pan de Carballo que se daban con cada obra vendida o domingo ficaron esgotados en case todas as casetas, con boa acollida tamén das tarxetas-rasca.