O plan de compostaxe urbana de Carballo acada os 165.020 quilos no primeiro semestre deste ano 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

A participación no programa é gratuíta. Un total de 1.472 familias e 115 grandes produtores conforman xa Ti tes a chave

12 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de 1.472 familias e 115 grandes produtores conforman o programa Ti tes a chave do Concello de Carballo. Deste xeito, desde a súa posta en marcha en xullo do 2020, foron enviados de forma separada 658.620 quilos á planta de compostaxe de Sogama, 165.020 deles no último ano.  O Concello fai un chamamento tanto a familias como empresas para sumarse a este programa de compostaxe, o cal pode facerse solicitando no local de Carballo Limpo (rúa Desiderio Varela, número 34), de luns a venres entre as 10 e as 14 horas, a chave coa que abrir os colectores marróns. A participación é gratuíta e inclúe, ademais da chave, un caldeiro de 10 litros para a separación de restos orgánicos no domicilio, bolsas compostables e que poden repoñerse cando sexa necesario, e un tríptico informativo.

Dende o Concello defenden a compostaxe como o mellor sistema para o tratamento dos bio-residuos, tamén denominados «quinta fracción», pero tamén destacan a súa contribución á redución de custos, xa que a taxa que se debe aboar a Sogama é inferior.  No referente á compostaxe no rural, son un total de 716 as familias carballesas que participan no programa de tratamento doméstico e co que poden facer compost que empregar nas súas propias hortas. Neste caso os requerimentos son residir nalgunha das parroquias, dispor dun terreo de polo menos 50 metros cadrados e presentar a solicitude no rexistro municipal.

Os materiais que se entregan para levar a cabo este programa, tamén gratuíto, son un composteiro individual de 390 litros de capacidade, un aireador e cando se precise poden recollerse materiais estruturantes xunto ao punto limpo, situado no polígono de Bértoa.