Libros a proba de verán e praia na Praza de Carballo

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

PATRICIA BLANCO

A «Plic!», feira da creatividade cultural, agarda para hoxe, derradeiro día, unha animada mañá

10 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Trinta e un grados marcaba onte o termómetro, ás sete e vinte da tarde, na Praza dos Libros de Carballo. A esa hora comezaba a firma de obras por parte de autores da comarca, mais o ambiente delataba que Razo ou Baldaio tiveran peso na xornada. Aínda así, os libros, en Bergantiños, voan a proba de verán e praia. Dende Clarión, dende Teldy ou dende Trasgo, tres das librarías presentes nesta «plic!» renovada, daban cadra de boas impresións, de satisfacción polo xoves, polo venres e tamén pola mañá deste sábado. Tiran das vendas as presentacións e actividades paralelas. Onte, aínda nunha mañá de calor, a rapazada brincaba ao son de Paco Nogueiras. Sae dos estands moita obra infantil, ilustrada, xuvenil... «A xente tiña ganas de saír», di Eva Cameán. Volver ao xardín municipal logo de dous anos de pandemia, este renacer, é outra das boas novas. Cadrou, iso si, coa case primeira fin de semana de verán do ano, e iso fixo máis custoso achegar os pés á Praza.

Alberto Varela, Alfonso Blanco, Diana Varela, Miguel Anxo Fernán, Raúl Herrera, Raúl Marín e Xaime Díaz amosaron na quenda de sinaturas a efervescencia das letras locais. Non puido ser o concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria, cancelado por circunstancias do grupo, pero si poderá ser hoxe un dos días máis fortes na Praza.

Segundo domingo de mes e, por tanto, domingo de feira en Carballo. Os libros volverán convivir con produtos da horta, co artesán, co máis coidado. Coas apreciacións que veñen deixando mañás coma a do xoves ou tardes coma a do venres, agardaban os libreiros para hoxe, derradeira xornada de «plic!», unha das máis animadas. De 11.00 a 14.00 de 18.00 a 22.00 horas, cada obra venderase un 10 % máis barata e ademais cun pan, ata fin de existencias.

O programa para hoxe

Toda a mañá: Un libro, un pan. Todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun moletiño de pan de Carballo.

11.00 horas: Medos Romero presenta o libro «E o sol era ela», acompañada pola tamén escritora Mercedes Queixas.

12.00 horas: Suso de Toro presenta a obra «Un señor elegante», acompañado polo filólogo, escritor e profesor Xoán Costa.

13.00 horas: Sesión vermú. Concerto de homenaxe ao carballés Alberto Gende, a cargo de Chicharrón e de Luís Rivera. Sinatura do libro «Alberto Gende. Encher o baleiro», de Xurxo Chapela e Juan Félix Gende.

18.30 horas: Concerto infantil a cargo de Pakolas, coa presentación do seu libro-disco «Ramona Órbita, a dona do tempo» (Galaxia). Colaborará na cita Laura Romero.

20.00 horas: Intervirá a esta hora a escritora Antía Yáñez, coa súa publicación «Non penses nun elefante rosa». Estará acompañda pola escritora Miriam Beizana.

MARCOS MÍGUEZ

21.00 horas: «Eu son Exeria» é a obra que dará a coñecer a autora Marisa Vidal, que terá ao seu carón á ilustradora Sole Pite e a o escritor Miguel Anxo Mato Fondo.

22.00 horas: Peche da Praza dos Libros.