Día de Albaroque en Berdillo: «O que fai unha parroquia diferente son as súas xentes»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A asociación Arume está hoxe de festa, cun completísimo programa dende mediodía. Radio Voz dedicoulle a cita un espazo especial

09 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Se Carballo ten hoxe unha cita importante no Xardín Municipal, coa súa Praza dos Libros, non menos é a que se festexará ao longo de todo este sábado no local social de Arume de Berdillo. As ramas cultural e xuvenil celebran os corenta anos do seu Albaroque, ese peche festivo das actividades do curso. Radio Voz dedicou este xoves unha parte do seu programa Voces de Bergantiños a abordar a efeméride. Catro voces para iso, a do veciño José Manuel Rodríguez, memoria tamén de Arume; a de María Fuentes, ao fronte da rama cultural; a de María Esmorís, presidenta do apartado xuvenil; e a de Diego Bolón, un dos profesores, desa savia nova que vén, con forza.

«Berdillo é unha grande familia, unha parroquia digna de estudo. E se Berdillo é un exemplo de lugar tan válido para vivir e criar aos fillos é en boa medida grazas a Arume», dixo José. Entre uns e outros rememoramos festivais no cine Cervantes, con Xosé Manuel Eirís, con Xocaloma ou co Xestal. Logo, o salto ao Teatro Colón, en citas tan importantes como a de Xacarandaina. En moitas entidades hai dificultades para o relevo, mais como dixo Bolón, aínda que os tempos e a sociedade mudou, con estes precedentes non debería faltar osíxeno aquí: «Berdillo é unha parroquia moi colaborativa en todos os aspectos».

BASILIO BELLO

Para Fuentes, houbo no seu día, inicios dos 80, un motor esencial, o párroco Constantino Campos, primeiro animando a chegada dos teleclubs, logo a fundación de Arume, no 82, e tres anos máis adiante, a compra da finca para levantar o local social que hoxe acollerá o programa conmemorativo destes 40 anos: «Sen Constantino hoxe Arume non sería o que é, nin o propio Berdillo tampouco». María Esmorís aínda lembra cando ela entrou na entidade. Tiña 5 anos. Na memoria, as primeiras zapatillas de baile. Tanto ela como José acordan dende sempre, riron, a Fuentes e a Suso Cobas propoñendo o relevo na directiva, mais aí están: «Non creo que as parroquias sexan diferentes de por si, o que fai a unha parroquia diferente son as súas xentes, e na de Berdillo cadraron nese tempo o párroco e máis xente como María ou Suso».

Pan Sen Fron
Pan Sen Fron BASILIO BELLO

A pandemia freou algunhas actividades, sobre todo na rama cultural, pero 40 anos dan para moito e boa parte diso exporase hoxe en fotografías. Non chegarían paredes se quixesen mostrarse todas. A destacar do programa, os concertos a partir das 21.00 horas, ou a foliada aberta: «A mellor festa é a que fai un mesmo», convidan a acudir. Desexou José 40 anos máis, «sendo referente cultural de Bergantiños». 

O programa de hoxe, hora a hora 

12.00 horas: Escola de Baile tradicional

12.20 horas: Grupo de acordeóns

12.40 horas: Escola de gaitas

12.00 horas: Exhibición de ritmos latinos

13.20 horas: Exhibición de ximnasia rítima

13.40 horas: Coro Aires de Bergantiños

14.00 horas : Sardiñada / xantar popular

19.00 horas: Exhibición de zumba

19.30 horas: Exhibición Weng Chun

20.00 horas: Grupos de baile Bilitroque e Caneca e Media

20.30 horas: Entrega de premios

21.00 horas: Concerto de Ghazafellos

22.00 horas: Concerto de Pan Sen Fron

23.00 horas: Foliada aberta

** Tamén xogos populares, exposicións de fotografías, queimada...