Álex Ávila: «Dar este pregón son oportunidades que che dá a vida e hai que collelas»

F. RODRÍGUEZ / P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CESAR QUIAN

ENTREVISTA | Director do Materno, dará esta tarde o arranque ás festas patronais de San Xoán, no seu Carballo natal

21 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ilusionado e «un pouco nervioso», pero prevalecendo o primeiro sobre o segundo, é como se recoñeceu Alejandro Ávila en Radio Voz Bergantiños. El, carballés que sempre presume de selo, nacido no 1981, pediatra neonatólogo e ademais director do Hospital Materno Infantil do Chuac dende o pasado 2021, vai ser o pregoeiro este 2022 do San Xoán de Carballo. As festas patronais da localidade, as máis grandes, por fin volven. Ávila Álvarez intervirá hoxe ás 21.00 na Praza do Concello (se chove, no mercado municipal).

—Cambiaron moito as súas funcións dende que asumiu a dirección deste centro hospitalario?

—Cambiaron, si, pero eu non son moito de mirar cara atrás. As decisións que se toman, tómanse, e o importante é que estou contento. Mudou o meu traballo un pouco, é un traballo, se queres, un pouco máis feo no día a día, porque a verdade é que aos que nos gusta por vocación a medicina, estar a pé de berce, coas familias, cos pacientes... pois isto resúltanos moi satisfactorio, mentres que a xestión ten sensacións agridoces, pero tamén trae, doutro lado, a sensación de que quizais podes influír en cuestións máis a longo prazo. Así que a dirección ten esa parte positiva.

—Un nomeamento que chegaba case a canda a súa terceira nena.

—Si, de feito o nomeamento oficial, digamos, o publicado no DOG, é do mesmo día no que naceu Marina, pero é verdade que xa levaba un mes e algo en funcións. Non me esquezo da data, seguro.

—Tres nenas que herdaron os gustos de Álex e Ana, a súa parella, pola música tradicional. Coñecéronse en Xacarandaina e a esta entidade pertencen xa tamén elas...

—A pequeniña aínda non, pero xa lle están facendo sitio [ri], porque xa camiña... E un pouquiño despois de camiñar, na miña casa o seguinte é a muiñeira. As dúas maiores están xa plenamente integradas na entidade e de feito actuaron na Romería do Lecer que Xacarandaina celebrou a pasada fin de semana no parque de Santa Margarida. Moi orgulloso.

—Pode avanzar algo do pregón, sen ánimo de facer spoiler...

—Podo dicir que só dúas persoas leron o pregón antes de que o vaia dicir eu alí. Ninguén da miña familia, ninguén especialmente cercano, nin amigos nin nada, preferín mantelo en segredo, como unha sorpresa. O que quixen facer, e non sei se acertarei ou non, é fuxir un pouco dos tópicos, de falar daqueles temas que a todos se nos veñen á cabeza se pensamos no San Xoán. O que pretendo facer é algo moi sinxelo, falar de que me leva a min a estar alí, hoxe, lendo o pregón. Ese fío condutor darame pé a falar da tradición folclórica, da medicina, dos que me rodean en Carballo, a miña familia e amigos...

—Queda por ver o tempo.

—As previsións non son boas, pero como sabemos onde vivimos, xa non nos colle por sorpresa.

—Din que non dubidou no momento da proposta deste pregón que lle fixo o alcalde.

—Si, si, díxenlle que si ao momento. O que non contou o alcalde foi que os nervios me traizoaron un pouco. «Ola Álex, son Evencio», díxome el. E eu: «Que Evencio?», ao que respondeu «e logo coñeces moitos?» [ri]. E a verdade é que non. Dixen que si porque isto son oportunidades que che dá a vida e un ten que collelas. Vou ser honesto e de feito comezarei a miña intervención dicindo isto que vou contar agora. Algunha vez téñome imaxinado a min mesmo dando o pregón en Carballo, é a realidade. Vexo un gran acerto por parte do Concello, da corporación, en elixir a xente de Carballo para os seus pregóns. Hai outros lugares nos que se busca darlle moito bombo coa elección, pero logo esa xente non ten o vínculo que podemos ter neste caso os carballeses con Carballo. Non digo, iso si, que sexa un acerto elixirme a min, pero o certo é que botándolle un ollo aos pregóns dos últimos dez anos, máis ou menos, vin iso mesmo, xente de Carballo, xente nova... tremendo acerto.

—Apóstase por ese vínculo, xente nacida aquí ou con relación.

—Claro! Jorge Mira, Luis Fraga... son moi bos coñecedores da nosa vila. Xa sabemos que o concepto de Carballo é moi amplo: quen queira ser de Carballo, pode.

José Manuel Casal

—É consciente de que terá no público a rapaces que o admiran, pequenos cuxa saúde nalgún momento estivo nas súas mans?

—Tócame pola miña profesión, pero non o vexo moi distinto, por exemplo, aos mestres que se cruzan con alumnos pola rúa. Eu tamén teño os meus referentes noutros ámbitos en Carballo, e aínda hoxe os miro con admiración. Facendo o pregón, por exemplo, lembrábame de Gemma Paz, histórica mestra de baile galego. Precisamente porque penso que ao mellor eu tamén pode ser referente para alguén, aí está a importancia de aproveitar esta oportunidade para lanzar esa mensaxe de orgullo do lugar de onde un é, onde un nace.

—Que fará na noite de cachelas? Colle vacacións para estas datas?

—Vacacións non collín, porque agora teño a sorte de que o 24 tamén é festivo na Coruña. Pero sempre collía. A noite de cachelas pasareina en Carballo, na casa duns amigos, que a estrean precisamente cunha sardiñada por San Xoán. Non se me ocorre mellor xeito. E o 24 tamén andarei por alí, as fillas xa nos reclaman ir ver ás Tanxugueiras. A miña muller e máis eu cometemos o erro de ir ver o concerto sen elas á Pelícano, e aínda hoxe nolo recordan! Hai que corrixir isto.

—E afrouxar o peto para levalas ás chilindradas, ás atraccións, logo de dous anos de ausencia.

—Haberá que facelo si, en apoio tamén á xente que leva esas atraccións, un traballo tremendo e que probablemente viron mermados os seus ingresos neste tempo.

—Pois nada, que viva o San Xoán!

—Que viva o San Xoán e que viva Carballo! Así rematarei.