Bombas, gaiteiros e Big Band, no arranque oficial do San Xoán, hoxe

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Botan a andar as festas patronais de Carballo: este martes 21 é, tamén, día de pregón

21 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo do festival Rockin’ do sábado, ágape das festas do San Xoán de Carballo, estas botarán a andar oficialmente hoxe, martes. Será ás 12.00 cando se escoiten bombas de palenque, simbólico arranque ao que seguirán pasarrúas a cargo do grupo de gaiteiros Meigallos da Nosa Terra. Xa pola tarde, será capital o pregón de Álex Ávila (21.00), mais antes xa é tradición unha dose de música da man do Conservatorio de Carballo. Actuará ás 20.30 a Big Band, dirixida por Javier Bardanca. Será na Praza, coma o pregón, salvo no caso de choiva, que sería no mercado: «A miña ilusión sería que fose na Praza, porque loce moito máis, pero a ver se se pode», dicía onte o director da banda.

Voces locais

Javier avanza que o desta tarde será un repertorio variado, no que as interpretacións por parte da Big Band se farán acompañar, novamente, de voces, e voces locais, experiencia que xa se levou a cabo na recente homenaxe a Juan Otero, o anterior director do Conservatorio, falecido o pasado mes de setembro. Intervirá, por exemplo, Jennifer Cambón, carballesa que está a participar no espazo televisivo Recantos. Tamén cantarán Martín e Aroa, dous pequenos que encandilaron ao público nese tributo a Otero, ou María Jesús Fraga, exvocalista da Orquestra Trébol. Poderase escoitar, asemade, ao pequeno Samuel Quiroga, neste caso a dúo con Cambón na peza Piel canela.

O Conservatorio terá tamén protagonismo na xornada do venres 24, cando a Banda do CMUS ofreza un pasarrúas ás 12.00 e, dúas horas máis tarde, ás 14.00, un concerto no adro da igrexa San Xoán Bautista. Ata o 3 de xullo, veñen días moi intensos na capital de Bergantiños.