«Afortunadamente o futuro carballés non depende de ningunha persoa»
—Volveron os consellos parroquiais, e por tanto as incontables demandas na zona rural.
—Os esforzo inversor do Concello de Carballo, onde se está producindo é precisamente no rural. Neste momento o investimento no rural supera de longo o 60 % do total municipal, e a poboación do municipio, no rural, non chega ao 40 %. Si se fai un gran esforzo inversor, pero Carballo ten 186 quilómetros cadrados e máis de 300 lugares, 18 parroquias, e iso leva a 1.200 quilómetros de pistas de titularidade municipal, máis de 8.000 puntos de luz, un percorrido enorme de recollida de lixo, etcétera. Coa dimensión deste concello, é evidente que sempre vai haber moitas necesidades. E eu creo que estes consellos parroquias poñen en evidencia )e iso axuda á Administración local) a priorizar novos obxectivos. Claro que ao mesmo tempo non se pode chegar a todos os sitios. No último consello na Imende, a onde se está chegando co abastecemento de auga, cun esforzo grande por parte do Concello, porque dende Lema a esa zona xa son 700.000 euros, e á costa estamos cerca dos tres millóns de euros, con recursos municipais, sen axudas de Augas de Galicia. Pois había xente dalgún outro lugar das parroquias de Noicela e Rebordelos que preguntaba se non ía chegar tamén ata alí. Agora esmo, non dá para chegar ao mesmo tempo a todos os sitios. E aí hai que priorizar. Os consellos parroquiais permiten un coñecemento detallado de todas as pequenas, medianas e grandes necesidades e de cada lugar, a grazas a iso estase actuando día a día. É unha experiencia tremendamente positiva. Xa que cito A Imende, había unhas trinta persoas. É bo, boa saúde democrática no Concello.
—Vai ser este o seu último ano de alcalde? Vaise presentar de novo o vindeiro ano, ou non?
—Eu sigo contestando o mesmo que nestes anteriores. Afortunadamente o futuro de Carballo non depende de ningunha persoa en particular. O esforzo que se estivo facendo é valorado, e é froito do traballo dun grupo. Víase na enquisa de Sondaxe, todos os membros do goberno tiña mellor valoración por parte dos veciños que calquera dos referentes dos outros grupos da oposición. Así que hai futuro e hai presente. En canto a determinada presenza de membros do actual goberno na corporación futura? Haberá caras novas, ten que habelas, e tamén a necesaria continuidade. E o papel que nos toca a cada un decidirémolo colectivamente, aínda é prematuro.