Vagalume, vinte anos de estreas teatrais no Pazo de Carballo

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

A compañía de teatro afeccionado ten por diante varios días de funcións, dentro do programa das Letras Galegas 2022

21 may 2022 . Actualizado a las 00:11 h.

Vagalume Animación inicia este sábado 21 en Carballo días especiais. Veñen por diante varias xornadas de representacións e, ademais, o intercambio Ciclo Marusía Escénica As Mariñas-Bergantiños, teatro afeccionado, que na capital de Bergantiños será o domingo 22, como xa se avanzou esta semana. Non é este un ano calquera para Vagalume: cumpre vinte dende que empezaron a estrear obras no Pazo de Carballo. A primeira, o 3 de abril do 2003: O príncipe dos desexos. Ese mesmo ano destacarían igualmente con Unha avoa a catro patas, calcetíns e garavatas, no FIOT, peza que un ano antes acadara o primeiro premio no Certame de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís.

A historia de Vagalume remóntase á participación dos membros do Coro Vagalume nos festivais de Nadal en San Cristovo. Non obstante, a primeira das funcións aínda na memoria foi Ai Pedro, Pedrito Pedro, no 1995. Dende aquela, unhas cantas cifras básicas: 91 estreas, 935 personaxes, máis de 250 alumnos... Son máis de 400 as representacións da agrupación, sumando o paso polas parroquias a través do programa Vagalume en Ruta, en colaboración co Concello, e viaxes a outros puntos da provincia. Unha función para o recordo: Os cavernícolas, estreada no Teatro Colón no 2014.

Vagalume tivo en todo este tempo unha descadísima participación no certame de teatro Juan Bosco de A Coruña, no colexio Calvo Sotelo, ao que acudían grupos de toda A Coruña e chegados tamén doutras localidades galegas. Neste concurso fíxose a agrupación con 32 premios, seis deles para os mellores actores ou actrices na súa categoría: Daniel Rey (Me cagin Nápoles, 2005), Lucía Souto (O testamento do tío Nacho, 2010), Alejandra Pombo (A lenda da perla Rosa, 2011), Alejandro Torres (Monsters vs. Addams, 2013), Irene Pensado (Quen quere ser princesa, 2016) e Sara Pena (O club antimachotes, 2017). A compañía levou no 2016, ademais, o premio especial Don Bosco, e tamén o galardón ao mellor guión orixinal por Monsters vs. Addams II, no 2016, único ano no que se concedeu este recoñecemento.

ANA GARCIA

Ata o de agora, e a cabalo da pandemia, o mellor ano para Vagalume, en canto a integrantes, resultou ser o 2019-2020: nove grupos, máis de cen actores. Actualmente son 60 alumnos, divididos en oito grupos por idades, con dous directores (Alba Bermúdez e Álex Louzao) e dous coordinadores de actividades, Mónica Liñares e Javier Fraga. Liñares preside a entidade dende o seu comezo, nunha directiva por certo renovada hai un mes, e na que tamén está Fraga, Sole Cotelo, Puri Cotelo, Begoña Recarey e Juan González.

Recoñecementos

Neste contexto tan especial, por vez primeira, a compañía recoñecerá cunha placa a actrices e actores de honra, aqueles alumnos que acumulan dez ou máis tempadas. Tamén diplomas para os que levan cinco ou máis. Con 14 tempadas: Alejandra Pombo e Saray Fontaíña. Con 13, e en activo, Elena Fariña. Con dez ou máis: Juan, Puri, Sole, Xandre e Javier. Hai 22 alumnos con oito ou nove e 80 superan as cinco tempadas.

As funcións no Pazo

Sábado 21 de maio: 20.30 horas. «Airbnb» e «Historias de amor».

Sábado 28 de maio: 17.00 horas: «Ñac Ñac» e «A verdadeira historia de Hansel e Gretel». 20.30 horas: «A escada» e «Monsters vs. Addams».

Domingo 29 de maio. 18.00 horas. «O chip experimental» e «De profesión, ladrón».

** Nas anteriores funcións, a entrada é con invitacións. Poden solicitala aos propios actores ou no 645 930 038.

Ciclo Marusía (Pazo)

Domingo 22 de maio. 12.00. Escola Municipal de Oleiros. 18.00. Vagalume: «Historias de amor». 20.00. Catro Gatos, de Bergondo.

** Entrada libre ata completar aforo.