«A escrita ten un valor terapéutico»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Entregados en Carballo os premios do certame Contos de Primavera, de La Voz de Galicia

16 may 2022 . Actualizado a las 01:03 h.

«Convosco, hai futuro». Jesús Sánchez, director do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, centro onde estuda Irene Ramón, a gañadora do certame, elixiu onte estas palabras para pechar a súa intervención na entrega de premios da quinta edición do concurso Contos de Primavera, promovido por La Voz co patrocinio do Grupo Calvo. Coma todos os que intervirían despois, deulles os parabéns a premiados e participantes: «Grazas polo tempo, a coraxe e o talento para escribir estes contos». Falou da época convulsa que a pandemia trouxo á sociedade, das restricións nos centros educativos: «A escrita, coma case todas as disciplinas artísticas, ten un valor terapéutico», afirmou aludindo ás intervencións musicais iniciais, con Nuria Lage Martínez ao acordeón e María García Prieto á guitarra, ambas alumnas do Conservatorio de Carballo.

Nuria Lage
Nuria Lage ANA GARCIA

María García Prieto
María García Prieto ANA GARCIA

Versos de Bécquer levárono a falar dese «talento oculto», desas «notas» literarias que ás veces se fan soar grazas ao acompañamento dos mestres, «ourives». Tamén para eles houbo agradecemento, e para os «mantedores» dun concurso que, feito «entre todos», «saca o mellor da nosa mocidade». De Irene Ramón sumou palabras ás xa pronunciadas o ano pasado —tamén ela gañou este certame— cando definira á súa alumna como «brillante e talentosa»: «O importante non é só conseguir algo, senón como o conseguides, con compromiso, humildade».

Irene Ramón, gañadora, lendo o seu traballo
Irene Ramón, gañadora, lendo o seu traballo ANA GARCIA

«Sigo crendo que escribir, e escribir en galego, é un acto revolucionario», díxolles Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación, aos rapaces. Vén de ler, explicou, El infinito en un junco, de Irene Vallejo, e tirando dese fío veu afirmar que «un dos soportes que mellor conservan a lingua, a parte de nós mesmos, é a escrita. Escribide con todas as letras, tamén no móbil, coidade o idioma, é o que nos fai únicos».

Cristina Carrión, xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, representou onte en Calvo o «orgullo» da Xunta por este talento literario, pero tamén o de nai: «Habéis escrito unos cuentos maravillosos, en verdad sois el futuro de Galicia». Bromeou co traballo Quero ser: «Nube, árbol, ganadero... lo vamos a fichar!». Orgullo, tamén, dende o ámbito da ensinanza, oficio do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Falou el da necesidade de educar de xeito permanente, de que a vida é unha aprendizaxe constante, da necesidade de que os valores, como a lectura e a escritura, formen parte dela. «Cando un compite hai posibilidades de gañar, e cando un compite, o que non hai nunca son posibilidades de perder», afirmou, logo de agradecer a Calvo o seu traballo como «referencia da industria mundial», a súa colaboración en tantas iniciativas: «A Fundación Luis Calvo Sanz é un exemplo do que nos gustaría que fose o conxunto do país». Dende ela trasladou as súas «felicitacións sinceras» Luciano Calvo, presidente do Grupo Calvo: «Seguide escribindo, ídesvos enriquecer vós e os lectores», animou aos rapaces. 

ANA GARCIA

Os Contos de Primavera 2022 deixaron onte a Xosé Luis Vilela, director de La Voz, co café da mañá frío. Demorouse en lelos, festexounos: «Non almorcei ben para o corpo, pero si para o espírito», riu. Elixiu contar, desta volta, a historia real, publicada onte, de Ousman Umar. Unha historia de superación persoal, solidariedade e aspiración a ter un mundo mellor, as ensinanzas que el quixo trasladar. Mario Dans á guitarra e Nuria Lage ao acordeón pecharon con música esta velada literaria.

Mario Dans
Mario Dans ANA GARCIA

Cinco rapaces no podio con premios en anteriores anos

Irene Ramón Fernández, Lucía Domínguez Castiñeira, Fiz Vicente Vidal, Ada Castreje López, Iago Cespón Fernández, Iago Barral, Iván Lago Vigo, Victoria Romar, Irene García e Camilo Pablo Rodríguez, por esta orde, recolleron onte en Carballo do primeiro ao décimo premio deste certame. Os seus textos foron os máis valorados polo xurado, sumándolle o accésit que mereceu Yanira Ahedo. Non puideron acudir Iago Cespón (recolleu o alumno Teo Castreje) nin Iago Barral (recolleu o docente Oriol Cervera da man do alcalde de Coristanco, Juan García). Dos gañadores deste ano, cinco deles xa tiveran merecido premios en edicións anteriores deste certame ou nos Contos de Nadal. Por tanto, o pulso creativo mantense, a forza de cultivalo, de animalo.