Carballo inicia con textos de Rosalía unha semana dedicada ás Letras

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Basilio Bello

Cee tamén vén de facer público o seu programa de actividades en torno á festividade do 17 de maio

12 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía Teatro do Atlántico será a encargada de abrir a programación que o Concello de Carballo preparou co gallo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura de Florencio Delgado Gurriarán. Farao esta tarde, a partir das oito e media, no Pazo da Cultura, onde representará o espectáculo Libre como os paxaros, no que os textos de Rosalía de Castro están presentes nos acontecementos cotiáns da sociedade contemporánea.

A actividade continuará mañá co concerto de fin de curso do Conservatorio (19.00, Pazo), así como coa entrega dos premios do certame fotográfico Xosé Manuel Eirís (20.30, Pazo).

O martes 17 será o día das «Letras na rúa», sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan. Comezará a xornada cun pasarrúas da Banda Municipal de Gaitas (11.00), para continuar co contacontos familiar O garoto do Ipanema, de Caxoto, no xardín municipal (11.00). Á mesma hora, na Praza, terá lugar o XL Concurso infantil de pintura e debuxo Luís Calvo, promovido pola asociación Lumieira en colaboración co Concello e coa Fundación Luís Calvo. Continuará a actividade ao longo da mañá co concerto O Son dos golfiños (12.00, xardín), así como cun concerto da Banda de Música do Conservatorio (13.00, rúa Coruña).

Pasado o día, continuará a axenda cultural co regreso dos Ratos de Lonxedetodo e os seus contacontos infantís, así como coa estrea do Ciclo Marusía Escénica, no que participarán grupos de teatro afeccionado de Sada, Bergondo, Oleiros e Carballo, municipio que estará representado pola agrupación Vagalume Animación. Este mes tamén se proxectará o documental A poeta analfabeta, encadrado no ciclo Mestre Mateo, e volverá, así mesmo, o Curruncho Pop cun concerto e presentación de Magín Blanco.

Literatura, música e divulgación no programa ceense polo 17 de maio

Arredor de Delgado Gurriarán, pero tamén da gran Rosalía de Castro, xirará o programa que o Concello de Cee ten preparado para conmemorar as Letras Galegas este ano. Son un bo número de actividades nas que a literatura, a música e a divulgación son as absolutas protagonistas.

Comezará este mesmo sábado (21.15), coa presentación do libro que o técnico Víctor M. Castiñeira escribiu sobre o arquitecto Domingo Antonio de Andrade, a quen o ano pasado se lle dedicou o Día das Artes Galegas.

O polideportivo acollerá o día 15 un novo domingo de baile (19.00), neste caso amenizado pola cantante carballesa Rocío Pérez, e o luns a compañía Trémola Teatro traerá a Cee unha viaxe pola vida e poemas de Florencio Delgado Gurriarán (18.00). Ese mesmo día tamén se entregarán os premios dos concursos convocados pola biblioteca: o de achegamento ao libro e o do marcapáxinas.

Pasamos ao mércores 18 (11.00), cando recalará en Cee unha das artistas emerxentes na música infantil galega: María Faltri. Ese mesmo día, ás 20.00, Miro Villar presentará o seu libro Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano.

Continuará a programación o xoves 19, cunha sesión de monicreques a cargo de Fantoches Baj (11.00) e coa inauguración da exposición que conmemora os 50 anos da Casa-Museo de Rosalía de Castro (12.00). O venres 20 María Lucinda Rey presentará na Casa da Cultura (20.30) o seu libro Ayúdate que te ayudaré e o sábado 21 dará un concerto a Banda de Música (13.00).

Vero Rilo, no mes das letras de Zas

Prosigue a programación cultural zasense neste «Maio, mes das letras», neste caso cunha función para público escolar que terá lugar no auditorio da capital municipal. Correrá a cargo de Vero Rilo, que ofrecerá o seu espectáculo Outra vez! A intérprete repetirá mañá no auditorio baiés (12.30) con E a ti... que che contaban?

Un novo espazo expositivo abrirá en Buño

O vindeiro 17 inaugurarase no antigo Centro Comarcal de Buño un novo espazo expositivo chamado Non canto por cantar, onde se fai un percorrido pola historia da música e do baile tradicional galegos. Será ás 12.00 e participarán as asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía.