Insiste Pumar na importancia da lectura á hora de formar un pensamento crítico e facer fronte «ás ideas que nos intentan impoñer». Agradecido pola acollida que a capital de Bergantiños lle brindou hai 25 anos, cando xa tomara a determinación de retirarse, quere agora ofrecer coa súa biblioteca persoal «un servizo máis» á parroquia. «Para valorar Galicia, nós mesmos. Esta inauguración entra de cheo no afán da parroquia de colaborar na formación integral da freguesía», afirma o veterano cura.
Dita presentación está programada para o vindeiro luns, día 16, ás oito e media da tarde. Non estará só, pois acompañarano dous vellos coñecidos aos que confesa gardar especial cariño. Un deles é o coristanqués Xosé Antonio Andrade, de quen di admirar tanto os seus textos actuais como aquelas «cartas admirables que escribía de mozo». Tamén estará Xosé Manuel Varela, a quen agradece o «gran labor» desempeñado no Instituto de Estudos Bergantiñáns, así como o párroco José García Gondar. Tras compartir, todos xuntos, un momento de tertulia, procederase á bendición da biblioteca, instalada nos locais do despacho parroquial.