Maio será tempo de seguir co Curruncho Pop, coa visita de Magín Blanco prevista para o 21 na biblioteca Rego da Balsa. A todo o anterior queda por sumar citas co audiovisual ou coa fotografía, ademais de propostas ofrecidas dende as asociacións, caso de Arume de Berdillo, que retoma os seus Encontros Culturais, ou de Senda Nova, que continúa coa Primavera en Ruta.
O 17 de maio
A xornada máis intensa en Carballo. Programou Cultura un menú de Letras na Rúa, ciclo que aglutina actividades para público adulto e familiar e que se repartirán entre a Praza do Concello, o xardín municipal e a rúa Coruña (en caso de choiva, no mercado). A destacar, a partir das 11.00, o contacontos de Caxoto titulado O garoto de Ipanema, fermosa historia sobre a vida de Florencio Delgado. A esa hora comezará tamén o reparto de papel e pinturas para a 40.ª edición do concurso infantil de pintura Luís Calvo, organizado pola asociación Lumieira. Ás 12.00 soará a música dos Golfiños, co seu Soño dos golfiños. Tamén actuará a Banda Municipal de Gaitas, dirixida por Suso Moreira, e a Banda Municipal de Música de Carballo, dirixida por Javier Bardanca. Será esta formación, por iniciativa municipal, a que interprete o tradicional Concerto das Letras: 13.00 horas, na rúa Coruña.