Janet Novás: «'Mercedes máis eu' atravésache o corpo, enténdese a través del»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ALVARO SERRANO SIERRA

A coreógrafa e bailarina chega hoxe a Carballo cun espectáculo man a man con Mercedes Peón. É a terceira cita de Primavera en Danza

30 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun traballo que define como «directo», «non só para entendidos», chegará hoxe a Carballo (20.30 horas, Pazo da Cultura, 5 euros) Janet Novás. Sobre o escenario, Mercedes máis eu, ela e mais Mercedes Peón. É a terceira sesión do 20.º ciclo Primavera en Danza. Entradas á ventada en ataquilla.com ou 90 minutos antes, fisicamente, na billeteira do propio Pazo.

—Que traen neste espectáculo?

—É unha peza baseada nunha relación persoal, unha relación entre música e corpo, dous corpos cunhas historias concretas que traen consigo unha memoria. A través desta conversa que parte da idea sinxela de unir música e danza afloran moitos temas, moitas imaxes... Tanto eu coma Mercedes viñamos dunha investigación profunda, persoal, de entender a esencia do noso traballo. Encontrarnos, para min, foi como pechar un ciclo, entendín a importancia das raíces, de onde viñan os primeiros impulsos do movemento, da danza. Coñeciámonos, mais coincidimos nun proxecto en Barcelona. A peza, dalgunha maneira, empezouse a construír soa. Fixémonos cargo de algo que tiñamos que contar, nese senso é importante facelo en Galicia. Facelo aquí é diferente. Iso do que falamos non é algo só noso, é algo íntimo, pero do territorio.

—Semella que dende a danza se poden tratar moitos temas. É unha disciplina a entender?

—Podo contar unha anécdota con esta peza. Cando a estabamos facendo, convidáronme a presentala no festival de Cans, eu son de alí. Fixémolo nun galpón e cando rematamos, unha veciña veu dicirme: «Non entendín nada, pero pasoume unha cousa polo corpo que comecei a chorar». Isto resume todo: non fai falta entender a danza dun xeito racional, enténdese dende o corpo. Esta peza é iso: atravésache o corpo, enténdela a través del.

—En Carballo xa estivo vostede.

—É para poñer nun pedestal. Levar tantos anos de aposta pola danza, formando público... É todo un exemplo. Unha proba de que, se se quere, pódese. 

—Como lles vai coa peza?

—A acollida está indo moi ben. Nestes tres anos, ademais, o traballo recibiu dous premios, o da Crítica Catalana á mellor intérprete e o del Ojo Crítico, de Radio Nacional, que entregarán o vindeiro 30 de maio.