A humanización dos Baños Vellos, en Carballo

Xaime Díaz Alonso CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe Xaime Díaz Alonso | Un ben que nos pode construír como sociedade

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis de trinta anos un grupo de veciños do barrio reunímonos para elaborar unha proposta dirixida ao Concello de Carballo para facer peonil a rúa Baños Vellos. Nesa década, na zona había moitos bares e pubs, as beirarrúas eran estreitas, impúxose o aparcamento e a dobre circulación do tráfico, non estaba canalizado o regato... A idea inicial foi a de mellorar a calidade de vida dos residentes, crear un espazo de lecer para os máis pequenos, de paseo para persoas maiores e usuarios do hotel-balneario e un lugar onde se poderían organizar actividades lúdicas, festivas e culturais por parte de asociacións e de hostaleiros.

Das intervencións urbanas que vén desenvolvendo o Concello nos últimos anos nesta zona, como son as das rúa Bos Aires e Perú e a do parque Rego da Balsa, teñen unha continuidade no chamado Plan Director dos Baños Vellos. O documento que foi aprobado puxo de manifesto a necesidade de acometer a reurbanización das rúas no ámbito do balneario —un edificio que destaca na actividade turística e que serve de escaparate da vila para os visitantes— e tamén ser o centro da actividade comercial e hostaleira. Finalmente, despois de moitos anos, as reivindicacións da veciñanza foron escoitadas e postas en papel.

O proxecto realizado polo arquitecto Fiz Seixo Vázquez ten como obxectivo a mellora do espazo público, favorecer os percorridos peonís, a accesibilidade universal, a seguridade viaria e a mellora da calidade ambiental das rúas. Consta de dúas fases de execución, unha primeira que comprende as rúas Pontevedra, Ourense e Baños Vellos e que continuará nunha segunda fase coas rúas Estrela, Lugo e Chile.

Pero, ademais, as obras que se están realizando na contorna do balneario van moito máis alá da renovación dos servizos urbanísticos, a colocación de mobiliario urbano ou o arborado, xa que se quere poñer en valor un dos elementos máis emblemáticos do noso concello, que axudaría a mellorar a imaxe e proxección exterior que propagan os turistas que nos visitan. A instalación dunha fonte, que incluirá un canal aberto que discorrerá ata unha alberca na confluencia entre as rúas Baños Vellos e Ourense, formará parte da estratexia de recuperación da memoria do termalismo.

Asociada á fonte, o artesán carballés Manolo Eirín, fixo unha peza escultórica en cerámica que recrea un plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto Ferro Caaveiro no ano 1777. A intervención contribuirá a rescatar unha parte fundamental da nosa historia, como son as trazas das antigas termas romanas. Por todas estas razóns, creo que se poderían engadir unha serie de intervencións que mellorarían a humanización do noso barrio.

Un dos primeiros murais da iniciativa de arte urbana ao aire libre, Derrubando Muros con Pintura, foron as fachadas traseiras da estación de trolebuses situadas na esquina rúa Arcebispo Romero Lema e Pontevedra. A proposta é a demolición de parte de dúas naves traseiras da vella estación, ata igualar as tres naves facéndoas coincidir coa aliñación do PXOM, e unha vez rematada a obra, dar orde dun novo mural pintado por artistas locais.

No Rexenera Fest, que se celebra todos os anos e que sempre invade Carballo con sprays e enche de cor os muros da localidade, os artistas do festival de arte pública poderían pintar dous murais nas medianeiras dos edificios rúa Ourense número 16 e rúa Baños Vellos número 5 e incorporalas ao cento de obras repartidas polo casco urbano carballés.

No solar situado na esquina rúa Ourense e rúa Baños Vellos existe unha edificación e un cerramento perimetral onde se expón maquinaria agrícola. A idea para este lugar sería a instalación dunha estrutura metálica para soporte dunhas lonas onde se exporían varias fotografías antigas da contorna do Casino, a Casa da Condesa, a capela da Estrela, os Baños Vellos e o paseo dos Tileiros, do arquivo municipal de fotografía Carballo na memoria.

No solar sen edificar e situado na rúa Estrela número 15, diante do hotel-balneario, existen unhas estruturas metálicas, antes dedicadas a publicidade, que poderían ser reutilizadas para soporte dunhas lonas onde se reproducirían fotografías de Turismo de Carballo sobre as nosas praias, as fervenzas, o patrimonio e o resto da oferta que ofrece o noso territorio.

Nas rúas que se humanizan e pasan a ser peonís, a rúa Ourense e a rúa Baños Vellos, existen varios establecementos de hostalería que deberían ser requeridos para a instalación das terrazas cuns criterios estéticos similares ás doutras zonas peonís como son as rúas Hórreo e Coruña.

E para a inauguración e apertura ao público das devanditas rúas, os arquitectos Diego Díaz e Gustavo Figueira están rematando un fermoso traballo de infografía en tres dimensións, render e vídeo (da recreación dos edificios xa desaparecidos da contorna dos Baños Vellos, segundo planos e fotografías dos anos vinte do século pasado) que debería ser mostrado publicamente.

Xaime Díaz, coa súa obra
Xaime Díaz, coa súa obra Basilio Bello

Como escribía na publicación Carballo. Guía ilustrada de arquitectura: «Neste sentido, poñendo gran valor sobre a nosa responsabilidade social con respecto á conservación ou evolución do patrimonio… e buscar posibles usos alternativos ou actualizados a espazos e arquitecturas existentes en Carballo».

Dni

Xaime Díaz Alonso. Natural de Carballo, onde naceu o 6 de marzo de 1962. Axente de inspección no Servizo de licenzas e disciplina na Área de Urbanismo do Concello de Carballo. Realizou a medición e delineación dos debuxos da arquitectura relixiosa de Negreira e A Baña, na publicación A arte no Val do Barcala; así como un traballo similar sobre as Casas de Paredes na Coruña. Colaborou co artista Manuel Facal na finalización de varias esculturas urbanas e é o autor de Metrominuto Carballo, un mapa sinóptico que mide as distancias e os tempos de camiñada polas rutas urbanas.