Fran Sieira: «Dende a danza pódense abordar moitos temas, tamén a saúde mental»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

rocio cibes

ENTREVISTA | Fran Sieira e a súa compañía traen esta noite «DeMente» á Primavera en Danza de Carballo: 20.30 horas, Pazo da Cultura

23 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Botou a andar onte co Colectivo Glovo a 20.ª edición do ciclo Primavera en Danza de Carballo. Hoxe, ás 20.30 horas, subirá ao escenario do Pazo a compañía de Fran Sieira, e farao co espectáculo DeMente. «Agradecidísimos de poder estar aí, para nós é unha honra», dixo onte en Radio Voz. Sieira ten longa traxectoria, mais o seu nome soa máis dun tempo a esta parte por ter sido coreógrafo e bailarín coas Tanxugueiras na peza que levaron ao Benidorm Fest, Terra. Grazas a este bum que agradece, confirma que notan máis curiosidade do público, un maior achegamento á danza, e cre este profesor de baile que hai que aproveitalo, levalo máis alá dunha mera moda. As entradas para DeMente (5 euros) pódense conseguir en ataquilla.com ou ben na billeteira do Pazo, 90 minutos antes.

—Vinte anos de danza, aquí.

—Dicíao o outro día xa: Carballo para min é un exemplo a seguir. Ter unha programación de danza xa é difícil, pero que por riba sexa estable, de vinte anos... É para que moitos concellos tomen nota. En Carballo estivemos no 2019, co noso primeiro espectáculo, Entre soños.

—Xa pasou un tempo do Benidorm Fest, pero hai que preguntalo. Pode ser a coreografía de «Terra» unha das máis bailadas dos últimos tempos?

—[Ri]. Pode ser, sobre todo ese anaquiño no que bailamos Artur, Aida e eu. Toda unha honra, encantados de chegar a onde chegamos co noso baile tradicional e coas voces destas tres mulleres, estas bestias como lle digo eu.

Tanxugueiras en el Benidorm Fest
Tanxugueiras en el Benidorm Fest RTVE

—A colaboración xa vén de atrás.

—Xa participamos en Midas, o primeiro single deste novo disco que sacarán en breve. Con Aida levo traballando toda a vida, foi alumna miña dende nena e de feito forma parte da compañía de danza, aínda que nestas actuacións non podo estar, por axenda.

—DeMente é un espectáculo en torno á saúde mental. Por que é como se consegue abordar isto dende a raíz, o baile galego?

—Dende o baile, dende calquera danza, pódense abordar moitos temas. Ao non ser unha linguaxe falada, dá liberdade para moitas interpretacións. DeMente veu un pouco como unha curiosidade, por vivencias persoais. Tiven un avó cunha demencia senil moitísimos anos. Cando xa se lle dificultaba andar, por sacarlle ferro, eu dicíalle que bailaba a muiñeira vella e el non o sabía. Tiven logo algunha outra vivencia próxima, cun curmán, e sempre me quedou a sensación de que nos daba algo de medo entender certo tipo de enfermidades. A raíz da pandemia investiguei moito ao respecto, a evolución dos tratamentos... Vin que era a parte máis marxinal da sanidade. Aínda que a raíz do covid a temos máis presente, penso que segue moi estigmatizada, deberiamos normalizala. No proceso de documentación atopei profesionais que comentaban que lles gustaría ver un espectáculo que abordase a saúde mental dun xeito positivo. Non algo negro, tenebroso, sen saída. Na obra tratamos o tema con respecto e cariño, pero buscamos esa visión. Música e baile amansan eses trastornos, como nos dixeron usuarios de entidades que nos viñeron ver a Ames.

—Sobre o escenario, sen Aida, sete persoas. Que se ve nel?

—Danza tradicional, música tradicional e voz en directo. DeMente ten partes incómodas, reais, e partes bonitas. Queriamos tratar a enfermidade desde todos os puntos, e por desgraza a todos nos toca dalgunha maneira de preto.

E_migrantas, de Kirenia Danza
E_migrantas, de Kirenia Danza Ana Garcia

Máis danza para hoxe

Proxecto Escora da Deputación da Coruña. Na Praza dos Voluntarios de Laxe, ás 12.00 horas, espectáculos «Intempestiva» (Elahood) e «E_migrantas» (Kirenia Danza). Ás 19.00, na Praza da Insuela de Camariñas, «Onde pousa a humanidade» (Marcia Vázquez) e «E_migrantas». Posteriores coloquios logo das sesións. Escora trata de conectar a danza co espazo que a envolve, achegando esta disciplina a entornos e núcleos que poden ter máis difícil acceder a ela.