Vinte anos de danza e vangarda en Carballo

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

O ciclo Primavera enDanza, que está de aniversario, achegará entre o 22 de abril e o 8 de maio cinco espectáculos de altura

06 abr 2022 . Actualizado a las 00:23 h.

Chegou abril, o mes do Día Internacional da Danza (29) e chegou ao Concello de Carballo unha edición especial, a do 20.º aniversario, do seu ciclo dedicado a esta disciplina. Este martes, no Pazo, presentouse o programa polos vinte anos de Primavera enDanza, «un dos moi escasos ciclos de danza en Galicia, e máis aínda con esta situación», afirmou o edil de Cultura, Marcos Trigo: «Sempre quixemos ter un espazo propio para a danza». Cinco espectáculos, de tres compañías galegas, unha valenciana e outra andaluza, integran a proposta, apoiada novamente pola Xunta a través da Rede Galega de Teatro e Auditorios, coa que se confinancian as cinco pezas. Irán dende o 22 de abril ao 8 de maio.

Abundou Trigo no carácter vangardista dos espectáculos. En Carballo poderá estarse ao tanto do que se está a facer na disciplina, e ademais a prezos «moi asequibles».

Ademais de Trigo e de Evencio Ferrero, alcalde, acudiu á presentación Jacobo Sutil, director da Agadic, quen resaltou a influencia positiva que na difusión da danza actual leva realizado a Primavera enDanza carballesa. Referiuse, tamén, ao «magnífico» momento creativo que vive Galicia neste ámbito, con recoñecementos importantes dentro e fóra da comunidade. «Abramos a mente e o telón para a danza», convidou o alcalde pola súa parte. Contentos de ser «pioneiros», desexou que cada vez máis concellos programen esta arte.

Ana García

O coreógrafo Fran Sieira: «Para min Carballo é un referente, exemplo a seguir»

Canda Trigo, Ferrero e Sutil, acudiron a Carballo representantes de varias das compañías que pasarán pola localidade en vindeiras días. Un deles, Fran Sieira, de longa traxectoria, pero agora de máis actualidade aínda por ser o coreógrafo de Terra e un dos bailaríns que acompañaron ás Tanxugueiras no Benidorm Fest. «Para min Carballo é un referente. Moi poucos concellos en Galicia teñen unha programación estable de danza, Carballo é un exemplo a seguir», apuntou.

Sobre o espectáculo DeMente que traerá á Primavera enDanza o 23 de abril, falou Sieira de «atrevemento», pero tamén de manter a «raíz», «música e baile tradicional galega». DeMente aborda, «con todo o cariño» a saúde mental, «parte marxinal da saúde», «invisibilizada». Lonxe de ser «un espectáculo escuro, de dor», trata de ofrecer «unha visión optimista», abundou. Ata Bergantiños achegáronse tamén Esther Latorre e Hugo Pereira (Colectivo Glovo). Serán os encargados de abrir o programa, o 22, con Em.Na, «unha viaxe polo son, o movemento e o espazo» que foi recoñecida en Roma, Austria ou Barcelona, entre outros galardóns.

A coreógrafa Asun Noales, premiada cun MAX e almaa veterana OtraDanza, entrou no Pazo vía telemática para falar de Vigor Mortis: «Humor, plasticidad, cine mudo, surrealismo», «la escenografía formando parte del espectáculo». Janet Novás, tamén en liña, presentou a proposta Mercedes máis eu, unha «conversa» entre a música tradicional de Mercedes Peón e a súa danza contemporánea, engadindo «imaxes que teñen que ver co territorio e co corpo da muller». Igualmente mediante vídeochamada, Omar Meza, director da proposta infantil Natanam reivindicou o dereito dos nenos a gozar de espectáculos de danza de alto nivel.

 Os cinco espectáculos

Todos eles no Pazo da Cultura. Entradas en ataquilla.com.

Colectivo Glovo (Galicia)

22 de abril, 21.00 (3 euros) • EM-NA afonda no carácter máis instintivo e intuitivo da natureza humana.

Fran Sieira (Galicia)

23 de abril, 20.30 (5 euros) • DeMente é a proposta, tradición e contemporaneidade en torno á enfermidade mental.

Janet Novás (Galicia)

30 de abril, 20.30 (5 euros) • Conversa entre a danza de Novás e a música de Mercedes Peón: Mercedes máis eu.

OtraDanza (Alicante)

6 de maio (21.00, 5 euros) • Vigor Mortis, unha viaxe «surrealista» e traxicómica que mestura teatro xestual con danza.

Da.Te Danza (Granada)

8 de maio (18.00, 4 euros) • Natanam, espectáculo infantil, Premio Fetén 2021 ao achegamento da danza á primeira infancia.