Aberta no Museo de Bergantiños a exposición «Carballo. Guía ilustrada de arquitectura». Ata o 30 de abril!
23 abr 2022 . Actualizado a las 20:47 h.Ata o 30 de abril • O Museo de Bergantiños, antiga cárcere que hoxe é un espazo onde os visitantes procuran información sobre Carballo, acolle dende o mércores a exposición Carballo. Guía ilustrada de arquitectura, unha mostra que sucede a outras variadas iniciativas froito de anos de traballo e sensibilidade polo patrimonio por parte de Xaime Díaz Alonso. «Carballo sempre presume das súas praias, dos seus ríos e férvedas, da súa arte urbana, das súas xentes. É menos coñecida a súa paisaxe urbana, que agora convidamos a descubrir a través desta exposición», trasladou sobre a proposta o consistorio.
A exposición está instalada no patio do único edificio público que se conserva do século XIX. Trata de recoller o máis obxectivamente posible os inmobles antigos e os máis recentes, ademais de elementos ornamentais e intervencións en rúas e espazos públicos, orientando á vez aos visitantes para coñecer os barrios carballeses. É, ao tempo, unha posta en valor de arquitectos e enxeñeiros que deixaron pegada en Carballo. Cada un dos paneis, un total de 20, consta de ficha técnica, localización e breve comentario sobre o contexto, ademais dun código QR de Google Maps. Poderase pasear, en certa medida, pola Casa da Condesa, a Capela da Estrela, os Baños Vellos ou o Paseos dos Tileiros.
Foi o propio Xaime Díaz quen deu a coñecer pinceladas deste proxecto que, dixo o alcalde, Evencio Ferrero, permite ver «como o Carballo de sempre que algúns aínda lembramos evolucionou cara un novo Carballo». Pódese ver «o que era e xa non é». Convida a mostra, aínda así, a mirar para adiante. Ferrero agradeceu a Díaz seguir escribindo páxinas da historia do pobo, traendo «unha mensaxe de esperanza». Horario de visita: de martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30; sábados e domingos de feira, de 11.00 a 14.00. Pecha os luns e tamén os domingos que non hai feira.