Misterio, docencia e posguerra na nova novela de Beatriz García, que departirá hoxe con estudantes de Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
A autora compartirá hoxe un encontro con alumnos do instituto Isidro Parga Pondal
17 mar 2022 . Actualizado a las 19:17 h.A santiaguesa Beatriz García Turnes, filóloga e escritora, provén dunha dinastía de docentes. Cada comida familiar —explica— é un repositorio de anécdotas e historias «das escolas dos anos trinta e sesenta» que serviron para nutrir a súa última novela, Esta noite hei de ir a verte. Un compoñente de misterio ten esta peza, ambientada nos anos sesenta e protagonizada por unha mestra que recala na aldea ficticia de Brandeira para dar clase. Ao investigar as luces que ve de noite nunha estraña vivenda abandonada, acaba indagando na historia da vila, aínda marcada por conflitos veciñais que se remontan ao máis cru da guerra.
«Aínda que a historia é inventada, ten moitas anécdotas que fun recollendo da familia», comenta a autora, que aínda que ten praza como docente en Curtis, leva xa un tempo como investigadora no Centro Ramón Piñeiro.
Hoxe recalará en Carballo para reunirse con estudantes de cuarto da ESO do instituto Isidro Parga Pondal, que xa tiveron a ocasión de ler a súa novela. «Pretendo que sexa un diálogo, que pregunten o que desexen. Eu falareilles das motivacións que hai detrás desta novela e tratarei de explicarlles que ao noso redor hai moitas historias novelescas que nos poden servir para construír á súa vez novas historias», sinalou García Turnes, ao tempo que apuntou que o contacto coa lectura «é unha moi boa vía para coñecer o mundo». «Estes rapaces non teñen por que acabar dedicándose á literatura para ser bos lectores. É custoso, e máis nesas idades, pero cando un adestra os libros acábano atrapando», reflexionou a santiaguesa.
A de Beatriz García será a terceira visita que reciba o centro este curso por parte dun escritor galego contemporáneo. A iniciativa enmárcase dun ciclo de encontros literarios que pretenden «poñer en contacto ao alumnado cos autores actuais», explicou Beatriz Corral, mestra de Galego no instituto. «É difícil achegarlles a literatura, sobre todo aos adolescentes, e con isto pretendemos que non o vexan como algo clásico ou alleo, senón moderno», engadiu a docente.
A través do ciclo, que está apoiado por Política Lingüística, xa foron ao centro Fernando Cabeza-Quiles e Mon Lendoiro, así como Antía Yáñez.