Carballo convida a unirse á «bibliomanía»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Presentada una ampla programación para os vindeiros meses na biblioteca Rego da Balsa

19 feb 2022 . Actualizado a las 20:37 h.

Música, teatro, mostras e, dende logo, moita literatura, estarán presentes no programa preparado para o vindeiros meses na biblioteca Rego da Balsa de Carballo. Logo do arranque do Curruncho Pop con Jamie Perrett e dos cinco filmes de Amal en Ruta, con boa acollida, recomenda o Concello non resistirse «á bibliomanía». Máis ben, unirse a ela, porque o calendario de propostas, avanzan, meréceo.

Música

O Curruncho Pop seguirá traendo concertos (20.30) e tamén presentacións literarias (19.30) vinculadas ao eido musical. Cómpre reserva, de balde, no 981 758 580.

5 de marzo. Presentación do libro Townes Van Zandt. La eternidad en una canción, co xornalista musical Álvaro Alonso, e a actuación de Hendrik Roever (Del-Tonos) e Óscar Avendaño (Siniestro Total). Farán un percorrido pola obra do compositor.

26 de marzo. Luis Lapuente e David Moreu abordarán a historia do soul. Actuará logo a carballesa Huguette Periscal e a banda Madame Bird, da Coruña.

7 de maio. Rosalía Fernández Rial, carballesa-muxiá, e María Álvarez Santiago presentan a obra Desnortada.

21 de maio. Magín Blanco, xunto co xornalista e escritor Carlos Rego, darán a coñecer a obra Magín Blanco. O Camiño da Luz. Logo disto, ofrecerán unha actuación.

4 de xuño. Diego Vasallo, ex Duncan Dhu, pechará o Curruncho Pop traendo a Carballo Las rutas desiertas.

Perrett, en el Curruncho Pop, a comienzos de mes
Perrett, en el Curruncho Pop, a comienzos de mes BASILIO BELLO

Contacontos infantís

Esta área é cousa dos Ratos de Lonxedetodo, xa uns veciños máis de Carballo. Hai dúas funcións cada día, ás 17.00 e ás 18.30, e pódese reservar entrada, de balde, dende o mércores anterior a cada función, pensadas para rapaces de 4 a 8 anos:

23 de febreiro. Espectáculo As illas do tesouro.

9 de marzo. Función Cores e persoas

23 de marzo. Obra Viaxe a Sudamérica.

6 de abril. O cole de Lonxedetodo.

18 de maio: Avós.

Haille que sumar, os días 27 de abril e 4 de maio, contacontos en francés, o idioma dos irmáns de L’Isle.

Literatura

Hai dous clubs de lectura na biblioteca Rego da Balsa. O desta propiamente dito reúnese os luns, cada 15 días. O de lectura en francés, co Comité de Irmanamento con L'isle, todos os sábados. Máis alá diso, contémplanse catro presentacións:

4 de marzo, ás 19.00 horas. O sarcoma día a día, de Carolina Castiñeiras e Iara Mantiñán Búa.

8 de marzo, 20.00 horas. Pioneiras da ciencia en Galicia, do carballés Manuel Rey Pan e Eduardo Rolland.

18 de marzo, 20.00 horas. Carballo, guía ilustrada da arquitectura, de Xaime Díaz.

24 de marzo, 20.00 horas. Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I. A relevancia do reino medieval galego, de Francisco Rodríguez.

No ámbito da literatura hai que incluír asemade a conmemoración do Día de Rosalía (23 de febreiro). Ademais doutras citas, todas aquelas persoas que esta xornada se acheguen ata as bibliotecas municipais carballesas levarán unha chapa coa imaxe da autora ilustrada por Mon Lendoiro para o Concello de Carballo.

Exposición

A biblioteca Rego da Balsa concibiuse dende os seus inicios como espazo de encontro e variedade. Cultura, deporte e reivindicación mestúranse na mostra Galiza: un pobo, unha selección, da Plataforma Vía Galega. Estará aberta ata finais deste mes: de luns a venres de 09.30 a 20.00 e, os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.